CONSORCIO

O Consorcio habilita case cinco millóns de euros para a reforma do edificio do Banco de España e a construción do Museo de Historia Natural

18/07/2007 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago aprobou unha modificación de crédito pola que se habilitan 4.300.000 euros, que se engaden aos 660.000 xa previstos anteriormente, para a reforma do edificio do antigo Banco de España e a construción do Museo de Historia Natural (Finca Vista Alegre).

O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou este investimento, que permitirá reformar o edificio de Praterías para convertilo no que será o Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago. A rehabilitación do edificio terá un custo duns tres millóns de euros, segundo o xerente do Cosorcio, Xosé Manuel Villanueva, e iniciarase unha vez concluída a finais de ano a exposición "Santiago dC". Outro museo, neste caso o de Historia Natural, construirase na finca Vista Alegre tamén con fondos do Consorcio.

O órgano interadministrativo tamén aprobou outra modificación de crédito, neste caso de 275.000 euros para sufragar o custo de implantación da rede Wimax no Casco Histórico. Esta cantidade supón o 50% do custo do proxecto, xa que a outra metade será achegada polo Ministerio de Industria. En caso de precisarse máis fondos, aportaraos o Concello.

Expropiación da Casa do Cabildo
Entre os acordos da Comisión estivo igualmente o inicio do expediente de expropiación da Casa do Cabildo, cun crédito para o mesmo de 1.279.306 euros. Esta cantidade permitirá adquirir para o dominio público os edificios 5 e 6 da praza de Praterías, cunha superficie respectiva de 194, 7 e 337 metros cadrados. O obxectivo é rehabilitar este edificio para logo dedicalo a actividades relacionadas co Centro de Infoermación e Interpretación da Cidade.

O Concello será o encargado de realizar o procedemento de expropiación. A Xunta de Goberno municipal do luns 23 de xullo aprobará o inicio dos trámites, co fin de que a finais de ano este edificio poida ser xa de titularidade pública.

Máis actuacións na Alameda
A Comisión Executiva tamén aprobou a segunda fase de intervencións na Alameda, cun investimento de 1.227.000 euros, dos que 290.000 se dedicarán á renovación dos pavimentos do Paseo Central, 92.000 á renovación das instalacións no mesmo, 130.000 á rehabilitación da zona do estanque de patos, 60.000 para a iluminación do propio estanque e xogos de auga, 480.000 para a adecuación de pavimentos e instalacións na costa de Santa Susana, 40.000 para renovación de infraestruturas na mesma costa, 60.000 para a execución de depósitos reguladores para reutilización de auga de chuvia e 75.000 para actuacións no miradoiro da Ferradura e no seu contorno.

A intervención comezará en outono e o obxectivo, segundo Sánchez Bugallo, é que as actuacións prioritarias estean rematadas na primavera de 2008, con vistas a que alí se sigan instalando as atraccións feriais das Festas da Ascensión.

Proxecto piloto de enerxías renovables
O Consorcio tamén traballa na busca de enerxías alternativas. Así, aprobouse a posta en marcha dun proxecto piloto para instalación de enerxías renovables na Cidade Histórica. O proxecto baséase na instalación dun sistema de captura fotovoltaica traslúcido no lucernario do Pazo de Vaamonde, sede do organismo. Inténtase así atopar un sistema para a zona histórica que permita a reducción do consumo de enerxías non renovables con menor impacto visual.

Subvencións para a rehabilitación
Na Comisión Executiva tamén se aprobaron subvencións de rehabilitación por un importe de 321.860 euros. A maior cantidade, 161.372 euros, destinarase a 15 actuacións de rehabilitación de vivendas; 77.005 á rehabilitación de 12 locais comerciais; 52.489 ao mantemento de cinco edificios; e 30.993 á rehabilitación de elementos singulares de madeira.

Finalmente, deuse o visto bo á actualización das tarifas do aparcadoiro do Palacio de Congresos e Exposicións, axustándoos ao cobro por minutos, cun incremento real do 1,55 %. Os primeiros 10 minutos quedan fixados en 0,30 euros e a tarifa por minuto a partir dese período en 0,025 euros, se ben os custos varían en función dos distintos tramos.

Compartir: