PROMOCIÓN ECONÓMICA

María Debén e Xosé Manuel Iglesias asinan as bases de selección de persoal do Obradoiro Compostela Natural

18/07/2007 A Delegada da Consellería de Traballo na provincia de A Coruña, María Debén, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, asinaron na cidade herculina as bases para a constitución da Comisión Mixta de selección de persoal e selección de alumnos do Obradoiro de Emprego Compostela Natural. Esta comisión estará formada por dous membros do persoal do Concello de Santiago e dous membros do persoal da Consellería de Traballo.

O Obradoiro de Emprego Compostela Natural conta cun orzamento de 1.173.865,54 euros, achegados pola Consellería de Traballo. Nel participarán 60 alumnos de catro especialidades: carpintería, xardinería, electricidade e dous módulos de albanelería.

Realizarán dúas obras ou servizos. Un deles é a rexeneración do cauce, recuperación ambiental e acondicionamento para uso público e recreativo das ribeiras do río Sarela desde o Carme de Abaixo ata a ribeira de San Lourenzo. Entre as obras previstas figuran a creación dunha área recreativa de aproximadamente 330 metros cadrados entre a ponte de Entregaleras e a situada antes da Igrexa do Carme de Abaixo, labores de limpeza do cauce, restauración de elementos constructivos, axardinamento e mellora e adecentamento das pontes.

A outra obra será a construción do albergue de cabalos Monte do Gozo. A edificación situarase nunha parcela contigua ao Camping. O proxecto terá unha superficie construída de 2.950 metros cadrados, distribuídos en zona de cortes, zona de pistas e zona de servizos. O albergue permitirá contar cunhas instalacións axeitadas para o coidado e recuperación dos equinos dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago a cabalo.

Está previsto que o Obradoiro de Emprego Compostela Natural, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, comence o 30 de setembro do 2007 e remate o 29 de setembro do 2008. A formación teórica impartirase no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns. O obxectivo dos obradoiros, integrados no Plan de Acción Local polo Emprego, é mellorar as posibilidades de inserción e reinserción no mercado de traballo de persoas desempregadas de longa duración, a través da súa participación en accións mixtas de emprego-formación.

Compartir: