FESTAS

Preto de 2.000 persoas congregáronse na Quintana para desfrutar das Xornadas de Folclore Galego

16/07/2007 As Festas do Apóstolo continúan o luns 16 cun programa pensado para todas as idades. Así, ás 18:00 horas comezará unha nova xornada de Ferradura Aberta na Alameda onde os nenos poden desfrutar de difrentes actividades lúdicas e educativas. Ás 20:30 horas terán lugar, como é habitual nestes días, as Noites na Alameda onde os que se acheguen ata alí poderán bailar aos sons da música caribeña, salsa, merengue, cumbia e asistir a clases de bailes. E ás 22:30 horas, no Toural, cita obrigada para os amantes da música tradicional.

Na xornada do domingo 15 tivo lugar na Quintana a primeira cita coas Xornadas de Folclore Galego. Este evento cultural xa asentado na cidade congregou a preto de 2.000 persoas que desfrutaron dos grupos máis representativos do folclore tradicional galego. A xornada foi un éxito, segundo sinalan os seus organizadores, cun nivel moi alto. Todo luciu ben nas Xornadas de onte, agás o tempo que non está acompañando nestes días.

O luns 16 ás 22:00 horas, péchanse estas Xornadas coa actuación de catro grupos procedentes de Santiago de Compostela (Ultreia e Colexiata do Sar); Carballo (Bilitroque); e Marín (Trompos os Pés). Estes grupos realizarán previamente e con saída desde o paseo central da Alameda, un desfile polas rúas da zona vella de Santiago, enchendo de música e cores o seu percorrido. Finalmente, estarán sobre o escenario da Praza da Quintana.

Compartir: