TURISMO

O 93% dos turistas de Santiago desexa repetir a visita a esta cidade

03/06/2005 Segundo datos presentados polo Observatorio Turístico de Santiago, un 99% dos visitantes considera que Compostela é un destino turístico atractivo e algo máis do 98% recomendaría a visita á cidade a outras persoas.

O ‘Estudo de Caracterización da Demanda Turística’ do Observatorio Turístico de Santiago de Compostela, insertado no CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas), forma parte dunha serie de investigacións destinadas a cuantificar, caracterizar e avaliar a situación actual e evolución futura do turismo en Santiago, entendida principalmente desde unha óptica económica e social.

A metodoloxía de estudo do primeiro trimestre de 2005 baséase nunha enquisa realizada aos visitantes maiores de idade en distintos puntos de interese turístico, como o entorno da Catedral, as principais rúas e prazas do centro histórico, Alameda e dársena de Xoán XXIII.

Entre outros datos, destacan o grao de satisfacción do visitante e a valoración de Santiago como destino turístico. Un 99% dos visitantes considera que Santiago é un destino turístico atractivo e algo máis do 98% recomendaría a visita á cidade a outras persoas. Da mesma maneira, un 93% declara a intención de repetir viaxe a Santiago.

Esta valoración positiva global é especialmente elevada en relación con aspectos intanxibles da cidade como a limpeza, seguridade cidadá, mobilidade peonil, hospitalidade e amabilidade, a conservación do patrimonio histórico-artístico e a calidade do entorno natural e paisaxístico, mentres que descende para outros aspectos como a dotación de estacionamentos públicos ou a oferta cultural e de espectáculos.

Vacacións, principal motivo da visita

O principal motivo da viaxe a Compostela -sinala o estudo- son as vacacións e o ocio (65%), seguido pola realización do Camiño (case o 9%), por estudos (7,6%) ou por traballo e negocios (7,04%). ‘A visita á Catedral e o seu entorno’ así como ‘a riqueza patrimonial e cultural’ e ‘coñecer a cidade’ son os principais argumentos da visita a Santiago (30%). No caso dos excursionistas o primeiro elemento ten un peso significativamente superior, sendo na maior parte dos casos a única razón da viaxe a Santiago. Ademais, aproximadamente un tercio dos visitantes inclúe a Santiago como parte dunha viaxe que tamén percorre outros puntos de Galicia.

Entre as actividades realizadas durante a estancia, destacan a visita á Catedral e o seu entorno histórico-artístico (95%), ‘o paseo polo centro da cidade’ (86,2%) e ‘comer nalgún restaurante’ (82,1%). Menor porcentaxe acadan as actividades culturais (case o 20% dos turistas) ou a participación nunha visita guiada (6,5%).

Madrileños que veñen en coche

Ao elaborar o perfil do visitante medio, o estudo estabelece que, por lugar de procedencia, a maioría son nacionais (case un 66%), mentres que o resto procede principalmente dos países europeos de maior proximidade, como Portugal e Francia. Destacan como principais puntos de orixe do turismo a nivel nacional, Madrid (18,8%), Cataluña (15,2%) e Andalucía (14,3%).

O 41% dos visitantes desprázase en vehículo privado como medio de transporte, mentres que o 32,3% utiliza o avión, e case a totalidade voa directamente a Santiago. A metade aproximadamente viaxa en solitario ou en parella (sendo maioritaria a segunda opción con algo máis do 31%) mentres que o resto realiza a viaxe en grupo, con amigos (20%) e en menor medida coa familia (13%).

Aproximadamente o 72% dos visitantes de Santiago pasan polo menos unha noite na cidade. A estancia media do turista é de 2,5 noites. O 85% pernocta nalgún dos distintos tipos de aloxamento colectivo, como o hotel (51,2%), hostal (18,9%), albergue (5,7%) ou camping-cidade de vacacións (5,3%). A localización do establecemento ou o prezo da habitación son os principais factores a ter en conta na elección do tipo de aloxamento. En xeral, a valoración asignada ao aloxamento é moi positiva: entre o 70-75% dos turistas califican de boa ou moi boa ‘a localización e o entorno’, ‘a comodidade’, ‘o servizo de atención do persoal’, ou ‘a limpeza e hixiene do establecemento’.

O gasto medio do turista que pernocta en hotel na cidade é de 104,1 euros por persoa e día, dos cales cabe resaltar a parte adicada a aloxamento (46,6 euros de media) e manutención (39 euros) como principais conceptos de gasto. Pola contra, o gasto medio do excursionista é sensiblemente inferior (pouco máis de 44 euros por persoa e día), sendo a manutención e compras de regalos os principais conceptos.

Para algo máis da metade dos visitantes a relación calidade/prezo de Santiago como destino turístico é boa ou moi boa; soamente un pouco máis do 10% califícaa de mala.

Compartir: