FESTAS

As Festas do Apóstolo comezan co pregón da actriz galega Isabel Blanco

12/07/2007 As Festas do Apóstolo arrincan o venres 13, coa lectura do pregón, que correrá a cargo da actriz galega Isabel Blanco. Para esta emigrante retornada de Suíza supón "unha grande ilusión poder iniciar co meu pregón as festas do Apóstolo deste ano e que se recoñeza o meu traballo".

Isabel Blanco é coñecida polo seu papel de María na serie Mareas Vivas, onde compartía protagonismo con Luís Tosar. Ademais, cómpre lembrar o seu papel na película "El lápiz del carpintero" ou no film máis recente "Un franco, catorce pesetas".

Tralo pregón de Isabel Blanco tocará o turno de cantar e bailar cos sons do último disco da cantante Soraya, "Ochenta´s". O concerto terá lugar no Obradoiro e a entrada é gratuíta.

Dezanove días de festas e un cartel de luxo
O programa deste ano conta cunha gran variedade de actividades pensadas para toda a familia, os máis mozos e os turistas. Haberá 10 grandes espectáculos e concertos que se celebrarán no Obradoiro, na Quintana e no Monte do Gozo. Ademais, as actividades tradicionais terán un lugar destacado, ao igual que a mostra do folclore galego, as orquestras, actuacións para nenos, o "Compostela Festival" e diferentes actividades polas rúas da cidade.

O concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro, convida tanto aos composteláns como aos turistas a que se acheguen estes días á cidade a "gozar e participar nas actividades organizadas e a pasar uns días de diversión xunto á familia e os amigos". As festas do Apóstolo, declaradas de Interese Turístico Nacional, durarán 19 días e contarán con preto de 70 actividades.

Á venda as entradas para os concertos
Os interesados poden mercar as entradas para os concertos non gratuítos: Julieta Venegas, Estrella Morente, Marlena Smalls & The Hallejujah Gospel Choir, e a zarzuela "La verbena de la paloma". Pódense conseguir a través da páxina web de Caixa Galicia (www.caixagalicia.es) ou no Teatro Principal de Santiago (en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas).

Compartir: