TURISMO

Turismo continúa o diálogo cos operadores aéreos nacionais

18/07/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, anunciou a celebración en breve de varias entrevistas cos responsables de Iberia, Spanair e Air Europa. O obxectivo das xuntanzas é coñecer os plans desas compañías para o aeroporto de Lavacolla e transmitirlles datos sobre a capacidade de crecemento do aeródromo local en materia de conexións estatais directas.

A principal meta é seguir gañando conexións domésticas para o aeroporto de Lavacolla, con especial énfase en Madrid como destino. As reunións forman parte das estrategias de promoción da terminal compostelá. De acordo con Iglesias, o diálogo cos operadores nacionais está moi adiantazo e apuntalará o fortalecemento do aeroporto, que se fai sempre en termos de mediano e do longo prazo.

"As últimas estadísticas oficiais de AENA para os últimos cinco meses en Lavacolla amosan un crecemento do 3,2% respecto ao mesmo período de 2006", sinalou o concelleiro. "Se temos en conta que esa suba é do 11,1% respecto ao 2005 e do 23,9% sobre o Ano Santo 2004, comprenderemos que o salto cualitativo está dado. Agora continuaremos a reforzar os seus efectos, facendo énfase nos enlaces nacionais".

Aeroporto de referencia
Xosé Manuel Iglesias tamén demandou da Xunta que "poña orde na política aeroportuaria de Galicia". Neste sentido, insistiu en que "a aposta do Goberno autonómico ten que refrendarse a través de actuacións específicas e concretas na defensa dun aeroporto de referencia para Galicia". De non facelo así, indicou, Galicia quedaría en desvantaxe fronte a aeroportos como o de Porto (Portugal). O concelleiro afirmou que "isto non significa estar en contra dos outros aeroportos, senón reclamar que cada un cumpra o seu papel".

Compartir: