DEPORTES

Aberto o prazo de presentación de traballos para o certame literario "Os soños xogan no Camiño"

17/07/2007 A Compostela Cup do Camiño 2007, torneo internacional organizado pola Fundación Compostela Deporte, ten aberto ata o 30 de setembro, o prazo de presentación de traballos para o certame literario "Os soños xogan no Camiño". Está destinado a que os participantes no torneo conten as súas experiencias no mesmo.

Os deportistas da Compostela Cup do Camiño que queiran participar deben presentar un texto orixinal e inédito cunha extensión non inferior a un folio nin superior a cinco, escrito na lingua propia da súa comunidade ou país de orixe. Os orixinais, dos que se presentarán tres copias, estarán mecanografados por unha soa cara a dobre espazo, a razón de 32 liñas por páxina, aproximadamente.

As obras deben ser presentadas con lema e título nun sobre no que figure o devandito lema na sede da Fundación: Estadio de San Lázaro, Porta 16, código postal 15.703 de Santiago de Compostela. No interior do sobre debe figurar: o título da obra, o nome, o enderezo, o teléfono do autor ou autora e modalidade deportiva, categoría na que participou, así como o nome do club.

As categorías do certame literario son: menores de 13 anos e maiores desa idade. Haberá un único premio por cada categoría: un reprodutor MP3 Blusens e un trofeo acreditativo.

A Compostela Cup do Camiño celebra este ano a segunda edición do certame literario "Os soños xogan no Camiño". A gañadora na edición de 2006 foi Marta Pazos Pérez, do Boiro de fútbol 7, que recibiu o premio polo seu traballo "Un equipo singular".

Compartir: