TURISMO

O Chef Kumalé visita Santiago de Compostela

17/07/2007 Turismo de Santiago, a través da Oficina Española de Turismo de Milán, e coa colaboración de Turgalicia, organiza a visita do Chef Kumalé a Santiago de Compostela, onde permanecerá entre o sábado 21 e o mércores 25 de xullo.

Vittorio Castellani (Chef Kumalé) é un xornalista especializado en enogastronomía, reputado investigador das cociñas do mundo e autor de preto de 20 libros e guías gastronómicas. Colabora con medios italianos coma a RAI 1, "Il Corriere della Sera" e "La Stampa", e asesora a organismos internacionais en materia de divulgación do patrimonio gastronómico mundial.

Turismo de Santiago contactou co chef durante o pasado Fòrum Gastronòmic de Girona, no que o profesional manifestou o seu interese pola investigación sobre a cociña galega e o seu apoio á realización do Fórum Gastronómico de Santiago, que se realizará en febreiro do 2008.

Énfase na produción e nos restaurantes "Michelin"
Durante a súa estanza a Galicia, o Chef Kumalé participará no tour gastronómico de Turismo de Santiago, na visita guiada pola cidade histórica e en excursións de proximidades. Tamén visitará portos, lonxas e mercados para recompilar información sobre os produtos e produtores galegos, e realizará degustacións en restaurantes tradicionais e de nova cociña galega, con énfase nos posuidores de "estrelas Michelin".

O Chef Kumalé estará acompañado polo fotógrafo Antonio Saba, con quen realizará unha reportaxe sobre a cociña galega para a revista "In Viaggio".

Compartir: