TURISMO

O proxecto Atlante celebra un novo seminario en Porto

03/06/2005 Entre o 6 e o 8 de xuño, o proxecto europeo Atlante, que reúne ás cidades de Portugal e Galicia con declaración de Patrimonio Mundial pola UNESCO, celebra en Porto o seminario "Repensar as cidades: Novos tempos para as vellas cidades".

O evento será inaugurado o 6 de xuño ás 10:30 h. no Pazo da Cámara Municipal polo alcalde de Porto, Rui Rio, ante os máis de 200 participantes procedentes de Santiago de Compostela, Lugo, Porto, Guimarães, Évora, Angra do Heroísmo (Azores) e as cidades membro da asociación Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

As sesións de traballo, que se celebrarán no Auditorio da Biblioteca Almeida Garrett, centraranse na exposición e debate dos proxectos desenvolvidos polo grupo Atlante en materia de mobilidade, ambiente e sustentabilidade, turismo e modelos de xestión nas cidades Patrimonio da Humanidade.

Santiago estará representada nesta cita polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, e polo xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, quen presentará un relatorio sobre o proxecto do que é responsábel Santiago de Compostela, ‘A oficina virtual de turismo na Rede’ o martes 7 ás 17:00 h.

Así mesmo asisten o profesor Xosé Santos Solla, director do Centro de Estudos Turísticos da USC, quen falará sobre ‘Desenvolvemento turístico sostíbel en cidades históricas’ (martes 7, 14:30 h; Anxel Viña, responsábel técnico do plan xeral de Ordenación urbana de Santiago de Compostela, que coordinará a mesa de debate sobre ‘Modelos de xestión: solucións institucionais e financeiras para as cidades históricas’ (mércores 8, ás 9:30 h), na que participa o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Rubén Lois, cun estudo desenvolto na USC.

Enmarcado dentro da iniciativa comunitaria INTERREG III-B e cofinanciado polo FEDER, o proxecto Atlante 2003-2005 ten o obxectivo de facer máis eficiente a xestión económica, social e ambiental das cidades participantes, abordando o estudo de temas como o desenvolvemento urbano e patrimonio cultural, accións contra o despoboamento do territorio, a modernización da actividade económica, a implantación de técnicas innovadoras de promoción do comercio tradicional e o apoio ao turismo transversal entre estas cidades.

Compartir: