PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os interesados na formación que oferta Compostela Activa poden escoller entre tres franxas horarias e nove cursos

13/07/2007 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo xa colgou na súa páxina web, www.maiscompostela.org, no microsite de Compostela Activa, a enquisa sobre a oferta formativa deste programa.

A iniciativa ten coma un dos seus obxectivos fomentar a cultura emprendedora en Santiago, cubrindo dun xeito integral as diferentes etapas polas que pasa unha persoa emprendedora desde que ten a súa idea de negocio ata que constitúe a empresa. As persoas interesadas poden escoller entre tres franxas horarias e nove cursos, aínda que só se impartirán os que teñan máis demanda. Son Xestión de persoal, Xestión Tributaria, Contabilidade por módulos, Axudas públicas, Presentación de ofertas empresariais, Marketing e PEMES, Realización de presentacións en público, Habilidades para a venda e Atención ao cliente.

A enquisa, que estará na páxina web www.maiscompostela.org ata o 10 de agosto, tamén contempla un apartado para inscribirse na II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago. Na primeira destas xornadas, celebrada o 12 de decembro pasado, inscribíronse 389 persoas, e nela colaboraron 15 organizacións públicas e privadas. As persoas que asistan a II Xornada Emprende en Compostela poderán participar en talleres relacionados co emprendemento e coñecer de primeira man a experiencia de emprendedores de éxito. En 2006 clausurou a xornada o galego Julio Fernández, fundador de Filmax.

Ademáis de informacións sobre actividades formativas e sobre a II Xornada Emprende en Compostela, no microsite de Compostela Activa pódese atopar información sobre o Servizo de Apoio ao Emprendemento da Concellaría de Promoción Económica, e sobre o Concurso de Novas Ideas Empresariais e o programa de Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago, dos que se facilitan as bases.

Concurso de Novas Ideas Empresarias
O prazo para presentarse ao Concurso de Novas Ideas Empresariais finaliza o 14 de xullo. O seu obxectivo é estimular e apoiar ás persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolles a posta en marcha do proxecto empresarial. Conta cun orzamento de 36.000 euros e divídese en tres modalidades: Novas Ideas empresariais edición xeral, Novas Ideas empresariais promovidas por mulleres, e Novas Ideas Empresariais promovidas por titulados en Formación Profesional. En cada unha delas establécense tres premios: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 e o terceiro de 3.000 euros.

Para as persoas que acaban de montar un negocio, a Concellaría que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias destina 40.000 euros a Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago. O seu obxectivo é axudar económicamente aos novos proxectos empresariais a consolidar os seus negocios, subvencionando con 2.000 euros os gastos considerados como correntes e/ou de primeiro estabelecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007.O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto.

Compartir: