CONSORCIO

A arquitectura contemporánea de Vorarlberg (Austria) exponse na igrexa de Santa María do Camiño

13/07/2007 Vorarlberg é unha rexión austríaca na que destaca o gran número de construcións de arquitectura contemporánea que alberga. A expresión desta punteira e sostible arquitectura recóllese na mostra "Provocación construtiva", que estará aberta na igrexa de Sta. María do Camiño (rúa Travesa, 3) entre o 13 de xullo e o 13 de setembro.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición, producida polo Instituto de Arquitectura de Voralberg e a "Cite de l´architecture et du patrimoine" de París. Tamén asistiron a directora do Instituto de Arquitectura de Vorarlberg, Marina Hämmerle, e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

A mostra achega a cultura arquitectónica de Vorarlberg dende os anos 60 ata a actualidade. Ofrece a visión das consecuencias que sobre o sector da construción e a arquitectura tivo unha política sostida e programada de fomento e axuda ao desenvolvemento tecnolóxico da industria da madeireira, en consonancia coas características do medio natural na rexión austríaca de Voralberg, que ten certos paralelismos coa xeografía galega.

Esta zona, que está situada entre o Lago Constanza e o amplo Val do Rhin, destaca por unha arquitectura altamente innovadora polo que concerne á tecnoloxía e creatividade, así como a planificación e execución ecolóxica nas construcións, baseada na utilización da madeira e na cualificación dos oficios que interveñen nos proceso construtivo.

"Provocación construtiva" non só achega o resultado dunha era arquitectónica, senón que revela os diferentes aspectos dunha cultura arquitectónica viva: aspectos técnicos e creativos, sociais e ecolóxicos, artesanais e persoais.

A mostra está dedicada á arquitectura e ao contexto no que se xera, pero prestando especial atención a esas outras arquitecturas que, na maioría das veces, non teñen proxección a nivel dos medios de comunicación. Deste xeito, non se trata simplemente de amosar o traballo dalgúns arquitectos individuais mediante maquetas e planos de determinados edificios, senón de descubrir as raíces e a evolución dun movemento que levou a unha arquitectura de alta calidade.

A exposición está composta por sete módulos de madeira que representan catorce temas sobre a arte arquitectónica en Voralbreg, a emisión de cinco documentais nos que se manifesta a relación entre as persoas, os edificios e os espazos vitais, así como a mostra de 24 libros sobre arquitectura en Voralberg como fonte de información complementaria para os visitantes. A presentación dos catorce temas faise dunha maneira asequible e compacta, combinando dous temas de cada módulo expositivo.

"Provocación construtiva" estará aberta en Santiago entre o 13 de xullo e o 13 de setembro deste ano, en horario de 11:00 á 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, agás os domingos pola tarde e os luns pola mañá. Co obxecto de achegar esta iniciativa á actividade académica dos alumnos de arquitectura de Galicia, a exposición trasladarase ás cidades da Coruña e Vigo onde permanecerá con posterioridade a estas datas.

Compartir: