PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis premios para unha nova edición do Concurso de I+C

11/07/2007 O Concelleiro de Promoción Económica, Comercio, Turismo e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou as bases do Concurso de Imaxinación máis Comercio 2007 (I+C). Nesta edición, o certame chega con máis premios e de maior contía.

Con este concurso, a Concellaría quere premiar o esforzo innovador no comercio tradicional, achegando medios financeiros para que os pequenos e medianos comercios poidan desenvolver estratexias personalizadas de comunicación e mercadotecnia. Estratexias como campañas de difusión e promoción comercial, deseño de novas imaxes corporativas, proxectos de reforma para a rotulación, iluminación ou decoración de interiores ou calquera outra clase de proxectos que permitan mellorar a visualización da oferta comercial de Compostela.

No Concurso de I+C poden participar todos os estabelecementos comerciais de Santiago. A información relativa ao certame está na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, www.maiscompostela.org. Están colgadas as bases, a instancia e o modelo de memoria necesarios para formalizar a solicitude de participación. A inscrición é de balde. Ademáis, o departamento ten previsto repartir 2.000 trípticos entre os comercios composteláns con información sobre o Concurso de I+C. O prazo de inscripción remata o 10 de setembro do 2007.

Tres proxectos para executar en 2007
Este ano o Concurso de I+C conta con tres premios en metálico, fronte o único premio de 2.000 euros do 2006. O primeiro clasificado recibirá 5.000 euros, o segundo 2.500 e o terceiro 1.000 euros. A contía económica terase que destinar á realización dos proxectos gañadores e deberase xustificar mediante facturas. Os premios nunca poderán acadar o 100% do orzamento dos proxectos a executar, debendo facer o beneficiario unha achega propia de, cando menos, o 10%. Os proxectos gañadores deberán executarse no ano 2007.

O xurado valorará especialmente a orixinalidade, a ambientación, a eficacia da mensaxe publicitaria e a innovación e cambio operado na imaxe e estado do estabelecemento co proxecto de I+C. Está previsto que entre o 11 e o 16 de setembro se coñeza o nome dos gañadores. O triunfador de 2006 foi a tenda de moda Zürich SCQ.

O Concurso de I+C enmárcase no Plan de Excelencia Comercial (PEC) dentro da liña Plan de dinamización e promoción económica e baixo a marca Compostela, capital de compras. O PEC foi deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, e nel colabora a Deputación A Coruña.

Compartir: