CENTROS SOCIOCULTURAIS

Presentan unha guía que recolle o traballo dos colectivos de Fontiñas

02/06/2005 O Centro Sociocultural das Fontiñas continúa a celebrar con multitude de actividades lúdicas e formativas a súa IV Semana Cultural. Ata o vindeiro 4 de xuño, rapaces e maiores disfrutarán de baile, música talleres na natureza, obradoiros de abalorios e maxia, entre outras actividades.

No marco da IV Semana Cultural das Fontiñas, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, asistiron á presentación da guía "As Fontiñas: entidades de servizo á cidadanía".

Este libro nace como resultado dos anos de traballo desde o Centro Sociocultural das Fontiñas, lugar de acollida das entidades, colectivos e asociacións das Fontiñas. Nesta guía atópanse os programas e as actividades que puxeron en marcha estas entidades, froito do traballo e a posta en común de posíbeis solucións arredor de temas conflitivos, como a prevención de conductas ou o absentismo escolar. Trátase dunha guía que quere ofrecer información útil para os veciños de Fontiñas.

Na guía participan, entre outras entidades, o Centro sociocultural das Fontiñas, a Concellaría da Muller, a Unidade de Traballo Social de Fontiñas-Servicios Sociais Municipais, a Unidade Municipal de atención a drogodependentes (UMAD), o Centro de saúde de Fontiñas, o CEIP Fontiñas, o IES Antón Fraguas, o CEIP Monte dos Postes, a Cruz Vermella, Cáritas Parroquial de Fontiñas, o Programa de atención a familias monoparentais "Abeiro", a Asociación Chavós, a Fundación Secretariado Gitano, a Asociación de veciños "As Fontes", a ANPA "Fontela", a Asociación de pensionistas e xubilados, a Asociación Alfaia, a Asociación Solfa, o Club deportivo das Fontiñas.

Continúa a IV Semana Cultural

Ata o 7 de xuño continuarase a desenvolver a IV Semana Cultural das Fontiñas. As xornadas do venres 3 e o sábado 4 de xuño estarán outra volta cargadas de actividades: desde un espectáculo de maxia ata un taller de natureza, pasando por charlas, xogos, baile, un taller de deseño de abalorios, outro de clown ou un torneo de warhammer.

Ademais, o sábado ás 20 horas da tarde o público poderá disfrutar da actuación do coro e das gaitas de Cantigas e agarimos, entre outras actividades. Máis información na Axenda.

Compartir: