URBANISMO

Saen a licitación as obras de urbanización do Sunp-5 da Muíña

09/07/2007 O Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela (Emuvissa), presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou en sesión ordinaria o prego de cláusulas administrativas particulares para a execución das obras de urbanización do polígono Sunp-5 da Muíña, na zona de San Lázaro.

O polígono conta cunha superficie total de 75.268 metros cadrados, dos que 17.778 están destinados a zonas verdes e 15.449 a equipamentos. Así mesmo, construiranse 414 vivendas: 41 son de réxime especial; 11 vivendas unifamiliares libre (10 para realoxo); e o resto (362) son de prezo concertado. O orzamento é de 5.496.915,54 e o prazo de execución establécese en 12 meses.

O proxecto de expropiación xa foi sometido a exposición pública e está actualmente en fase de estudo das alegacións.

Por outra banda, o Consello de Administración de Emuvissa deulle o visto bo, despois de aprobados os proxectos, á modificación do contrato para a execución das obras de urbanización nos polígonos Sup-6 de Santa Marta e Sunp-22 de Castro de Abaixo, e conexión exterior de augas pluviais e residuais en ambos polígonos. Por último, adxudicouse o contrato das obras do proxecto complementario de alimentación exterior eléctrica nas dúas áreas.

Compartir: