EDUCACIÓN

Todos os centros de primaria terán comedores escolares no curso 2007-2008

09/07/2007 O servizo de comedor escolar estenderase a todos os centros de infantil e primaria da cidade, en virtude do convenio que asinarán en setembro a Consellería de Educación e o Concello de Santiago. Este acordo permitirá tamén desenvolver un programa de apoio e habilidades persoais e actividades deportivas fóra do horario lectivo.

A sinatura do convenio foi anunciada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e pola coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, trala reunión mantida en Raxoi, na que tamén participou a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Sánchez Bugallo recordou que "o convenio permitirá a xeneralización dos comedores a todos os centros educativos de infantil e primaria, e a organización de actividades fóra do horario lectivo". Trátase neste último caso dun programa levado a cabo conxuntamente polo Concello e polas consellarías de Educación e de Cultura e Deporte. O alcalde indicou que este convenio asinarase en setembro e terá vixencia anta o 22 de decembro. "Logo organizaríase o servizo doutro xeito para todo o curso, pois en xaneiro entra en vigor a nova Lei de Subvencións", engadiu.

Os colexios que se beneficiarán do programa de apoio e habilidades persoais e actividade deportiva son: Casas Novoa, Apóstolo Santiago, Colexiata do Sar, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Roxos Villestro, Vite e Fontiñas.

Polideportivo en Fontiñas e colexio en Pontepedriña
Outro dos temas tratados na reunión foi o do polideportivo de Fontiñas. A conselleira comunicoulle ao alcalde que a irá ao Consello da Xunta, no mes de xullo, a aprobación do convenio entre o Concello, a Concellería de Educación e a Concellería de Cultura e Deporte para a construción deste complexo. O obxectivo, segundo o alcalde, é que as obras poidan comezar a principios de 2008.

Laura Sánchez Piñón tamén falou con Xosé A. Sánchez Bugallo do proxecto dun novo edificio para o colexio Ramón Cabanillas, do Castiñeiriño, en Pontepedriña, con capacidade para máis de 400 alumnos. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 2,4 millóns de euros. O actual edificio do colexio, de titularidade municipal, será posteriormente destinado a usos socioculturais ou a unha escola infantil.

Escola de Idiomas
Respecto á nova Escola de Idiomas, a Consellería aínda non ten tomada a decisión sobre a ubicación definitiva do edificio, nun solo que cederá o Concello. "A idea é que no curso 2008-2009 xa se poidan impartir as clases na nova Escola, ante a saturación da actual".

Finalmente, na xuntanza abordáronse as remodelacións do CEIP Pío XII e do CEIP de Roxos. No primeiro, a Consellaría está a construír un comedor, cun investimento de 635.943 euros. No centro de Roxos realizaranse reformas nas carpinterías, cubertas, portas e mantemento de instalacións, achegando un total de 400.000 euros.

Despois da reunión, a conselleira de Educación agradeceu a colaboración do Concello e a vontade do seu departamento de "retomar os proxectos e iniciar outros novos", ante o cambio de Corporación. Neste sentido, indicou que a visita de traballo tamén lle serviu para tomar o primeiro contacto coa nova concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Compartir: