EDUCACIÓN E DEPORTE

Un verán máis, cita para os máis novos en Ferradura Aberta

09/07/2007 Do 11 ao 27 de xullo, a Alameda volverá ser o escenario de Ferradura Aberta. Xa van catorce edicións desta cita lúdica, educativa e deportiva pensada tanto para os composteláns máis novos como para os visitantes.

Os concelleiros de Deportes, Andrés Fariña, e de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentaron o programa desta edición, dirixido como sempre a nenos e nenas de 2 a 5 e de 6 a 14 anos, con espazos concretos para cada tramo de idade. As actividades comezarán o mércores 11 de xullo ás 18:00 horas, se ben o acto inaugural, coa presenza do alcalde e dos concelleiros, será o xoves 12 de xullo ás 19:00 horas.

As actividades desenvolveranse no Paseo da Ferradura, na Alameda, de luns a venres e en horario de 18:00 a 21:00 horas. A participación é de libre e de balde. Só fai falta achegarse ao lugar e dirixirse ás actividades que sexan de interese para cada un.

En canto ao programa, haberá obradoiros de cestería, construción de xogos e xoguetes, encadernación e papiroflexia, ademais da posibilidade de disfrutar dos paseos no tren turístico.

O deporte tamén ocupará un espazo fundamental nesta edición de Ferradura Aberta. Nesta ocasión haberá carreiras de orientación, xadrez e xogos de mesa, tiro con cargo, esgrima, tenis de mesa e un rochódromo.

Para os máis pequenos, habilitouse un espazo lúdico, ademais dun obradoiro de plástica e dun parque infantil de tráfico. Un lugar cheo de materiais e xoguetes axeitados onde divertirse, experimentar, compartir e aprender.

E para os pais que vaian cos seus fillos tamén haberá un lugar. Alí coñecerán as actividades propostas, conversarán con outros pais ou simplemente descansarán nun lugar privilexiado da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: