REHABILITACIÓN

As axudas para Rehabilitación estenderanse a todo o territorio municipal

06/07/2007 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Socorro García Conde, e a Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, mantiveron unha reunión que foi cualificada polas dúas como "moi frutífera" xa que concordaron totalmente na súa visión acerca da política de rehabilitación en Compostela.

Na xuntanza acordaron que a rehabilitación, tanto de vivendas como de espazos comúns, se amplíe a todo o territorio municipal, e non só á área da Cidade Histórica, tal e como era tradicionalmente. Ademais, decidiron aglutinar toda a información relativa ás axudas en materia de rehabilitación na Oficina de Rehabilitación que o Concello ten na praza de Cervantes. Así, a Concellaría será a encargada de xestionar e divulgar todas as axudas que ofrece a Consellería para garantir que esta información chegue a todos os cidadáns de Compostela. A Conselleira quixo resaltar a importancia de que "os concellos se preocupen en difundir esta información, xa que en moitas ocasións os cidadáns non coñecen as axudas ás que poden aspirar".

A conselleira anunciou ademais o compromiso adquirido con Socorro García de que antes de que remate o ano será declarada oficialmente Area de Rehabilitación Integral a zona da Pontepedriña. Pola súa banda, Socorro García amosouse totalmente satisfeita pola coincidencia de criterios coa Conselleira e por dar cumprimento a un dos compromisos do Goberno, como o impulso á rehabilitación de todo o ámbito municipal.

García Conde afirmou que antes de ocupar novo territorio é importante valorizar o territorio que está xa ocupado. Neste sentido falou tamén da importancia de poñer en marcha máis medidas para ocupar as entre 5.000 e 7.000 vivendas que están desocupadas en Compostela, na liña da bolsa de alugueiro que xa ten en marcha a Consellería de Vivenda e Solo na cidade.

Compartir: