PARQUES E XARDÍNS

O Parque da Constitución estreou os seus novos espazos deportivos

06/07/2007 Os veciños de Compostela xa poden disfrutar dos novos espazos deportivos e para maiores do Parque da Constitución. Esta gran zona de lecer do Ensanche convértese así nun lugar para a integración entre xeracións e o mantemento físico.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou estes novos elementos. Acompañárono a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, e unha representación da Corporación municipal. Moitos veciños quixeron tamén achegarse a esta posta de longo, na que unha fisioterapeuta ofreceu asesoramento sobre a mellor utilización destes circuítos saudables.

No novo espazo para os maiores, estes poderán manter a súa forma física a un nivel básico. Para iso disporán de diversos elementos distribuídos nunha área de 100 metros cadrados, cada un deles descrito nun cartaz que informa da súa forma de emprego.

Tamén explicadas están as actividades do circuíto biosaludable deportivo, con 18 novos elementos de ximnasia de mantemento. Unha boa alternativa para exercitar os músculos do corpo.

Finalmente, abriuse ao público a terceira das áreas, dedicada á mocidade, composta por tres espazos de encontro cubertos: dous de dúas prazas e outro de seis. Tamén hai xogos de billar móbil e pistas de skate.

Compartir: