BENESTAR SOCIAL

Racismomatón: unha máquina que analiza os prexuízos racistas en cinco minutos

02/06/2005 Un fotomatón cun xogo de ordenador, o Racismomatón, estará dispoñible a partir do xoves, 2 de xuño, e durante 10 días na sede do COIE, no Campus Sur, para todos aqueles que desexen ver as súas actitudes implícitas cara os inmigrantes.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Vicerrectora de Estudiantes e relacións institucionais, María Elena Vázquez Cendón e a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, entre outros, asistiron ao acto de posta en funcionamento deste peculiar fotomatón.

O Racismomatón é unha caste de fotomatón, no que, por medio dun xogo de ordenador determínanse as actitudes racistas do usuario cara os inmigrantes. A máquina, que xa foi empregada en cidades como Donostia, Barcelona ou Madrid, interactúa coas persoas para reflectir os seus prexuízos ocultos arredor do racismo. A instalación consiste nunha cabina autónoma computerizada na que calquera que o desexe pode realizar, en menos de cinco minutos, un test que revela as súas actitudes implícitas cara os inmigrantes, nas que moitas veces subxacen comportamentos discriminatorios ou racistas.

Con este proxecto pretende amosarse que á marxe das persoas racistas a conciencia, existen persoas con comportamentos racistas que non son conscientes e que, tras un proceso de reflexión crítica cambiarían de actitude. O Racismomatón pretende ser o catalizador para que estas persoas, desde a súa intimidade, se paren a reflexionar.

Dentro do Racismomatón xógase ao IA TEST, que foi desenvolvido no 1998 por psicólogos das universidades de Washington e Princeton. Este test mide a existencia de sesgos inconscientes significativos, indicadores de estereotipos e prexuízos, elementos que están na base dos comportamentos racistas. O mecanismo do test é sinxelo: trátase dun xogo que consiste en responder só con dous botóns a cuestións moi simples, e que en principio non parecen ter moita relación co racismo.

Compartir: