ALCALDÍA

Compostela irmandarase coa vila portuguesa de Santiago do Cacém

06/07/2007 O mércores 11, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, viaxará a Santiago do Cacém (Portugal) para a asistir ao acto de irmandamento con esta vila. Representantes municipais e autonómicos asistirán a este evento, no que tamén ten confirmada a súa presenza o presidente da República Portuguesa, Aníbal Cavaco Silva.

Santiago do Cacém é a única cidade lusa que leva o nome de Santiago. Está situada a 149 quilómetros ao norte de Lisboa e a 137 quilómetros da fronteira con España, na rexión do Alentejo. Ten preto de 30.000 habitantes e está composta por 11 freguesías. Trátase dunha cidade que ten a súa orixe nun poboado pre-celta e que hoxe ten un rico patrimonio natural, arquitectónico e arqueolóxico, convertido nun importante foco de atracción turística.

O irmandamento con esta vila fora aprobado por unanimidade nun Pleno Municipal o 26 abril.

Presidencia das cidades do Atlántico
A propósito de cidades, neste caso do Atlántico, o alcalde recordou a súa recente elección para presidir a Conferencia de Cidades do Arco Atlántico no período 2007-2009. Compostela encabezará a nova Ejecutiva da organización, na que tamén estarán representadas as cidades de Cardiff (Gales), Figueira da Foz (Portugal), Cork (Irlanda) e Rennes (Francia).

Sánchez Bugallo falou da importancia desta unión de cidades, co fin de que "as cidades do Arco Atlántico non queden relegadas con motivo da ampliación da Unión Europea cara o leste". Ademais, felicitouse que Compostela coincida no seu mandato na CCAA coa presidencia de Asturias no Arco Atlántico, onde se agrupan as rexións deste ámbito.

Cambios ministeriais
Na súa comparecencia ante os medios e ao fío da actualidade, o rexedor compostelán aproveitou tamén para amosar a súa satisfacción polo nomeamento de novos ministros no Goberno español. En particular, afirmou que é "motivo de orgullo e satisfacción para tódolos galegos o nomeamento de Cesar Antonio Molina como ministro de Cultura". Tamén valorou a presenza de Carmen Chacón ao fronte do Ministerio de Vivenda, "que vai gañar en dinamismo, sen desmerecer á súa predecesora".

Sala Yago
Sobre a Sala Yago, Sánchez Bugallo indicou que "non nos parece mal que pase a titularidade pública, pero hoxe é de titularidade privada e a única solución é chegar a un acordo cos propietarios". Neste sentido afirmou que "a Administración non pode pagar por enriba do que fixe a peritaxe oficial". Á espera das negociacións, o alcalde indicou que, en calquera caso, "o uso cultural do local non vai ser cambiado".

Compartir: