PROMOCIÓN ECONÓMICA

O programa de apoio á eliminación de barreiras atendeu máis de cen servizos dende o seu inicio

05/07/2007 O Programa de apoio á eliminación de barreiras á inserción socio-laboral, que está a desenvolver de xeito gratuíto a Concellaría de Promoción Económica e Emprego, atendeu 111 servizos dende que comezou a funcionar, o 15 de xaneiro. Neste tempo, as seis mulleres contratadas a través do programa realizaron 1.142 horas de servizo, botando unha media de catro horas con cada usuario.

Este programa consiste na prestación de servizos eventuais e de carácter extraordinario a persoas dependentes, como levar os nenos á escola, acompañar aos maiores ao médico, coidar a un familiar enfermo, etc. O seu obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. Está previsto que a prestación do servizo finalice no mes de setembro.

O proxecto divídese en dúas actuacións: servizo de canguros, dirixido aos máis pequenos, e atención e coidado a persoas maiores. Dos 111 casos atendidos, 98 deles, o 88,29%, foron servizos a nenos. Os outros 13, o 11,71%, centráronse en persoas maiores.

Todos estes servizos pódense solicitar mediante cita previa a través do teléfono 981 568 752. Os interesados tamén poden informarse nas oficinas que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na rúa Hórreo, 100.

O Programa conta cun orzamento de 59.760 euros e está incluído nos 18 programas de Cooperación asinados en 2006 entre a Consellería de Traballo e a Concellaría. Nese ano, 91 desempregados accederon ao mercado laboral a través destes programas. Destas persoas, 55 son mulleres, o que representa o 60%.

O obxectivo destes programas é contratar a persoas desempregadas para desenvolver obras e servizos de interese para a comunidade, incrementando así as súas expectativas de reinserción e a súa cualificación profesional. Os contidos e materias de actuación seleccionáronse de acordo con dous criterios: por tratarse de xacementos de emprego e ter maiores perspectivas de crecemento a curto prazo, e atendendo ás recomendacións realizadas pola Unión Europea en materia de emprego.

Compartir: