PARQUES E XARDÍNS

O Parque da Constitución incorpora novos espazos deportivos e para os maiores

05/07/2007 Tras a área de xogos infantís inaugurada hai uns meses, o Parque da Constitución incorpora agora novos elementos para todas as idades. Trátase dun circuíto biosaudable, outro destinado especificamente aos maiores e espazos concretos para a mocidade.

A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Elvira Cienfuegos, presentou estes novos elementos, que converten o Parque da Constitución nunha zona de integración entre xeracións e onde todas as idades teñen cabida. Trátase, segundo dixo, de crear nos parques "áreas activas na promoción da saúde".

O novo espazo para os maiores está destinado ao mantemento da súa forma física nun nivel básico. O circuíto deportivo ocupa unha área de 100 metros cadrados. Entre outros elementos, conta cunha escaleira de chanzos de madeira, rampla de acceso, barra fixa ondulada, barra en zig-zag, unha ponte de chanzos en suspensión, barras metálicas en diferentes alturas, asentos con barras, rolos de plástico ou escaleiras para articular dedos. Todas as actividades están perfectamente explicadas en cadanseu cartaz.

Para todas as idades creouse un circuíto biosaludable deportivo, con 18 elementos de ximnasia de mantemento. Alí os usuarios poderán exercitar todos os músculos do corpo, tamén coas debidas explicacións contidas nos paneis.

A terceira novidade está dedicada á mocidade. Instaláronse dous espazos de encontro cubertos con dúas prazas cada un e outro de seis prazas. Tamén se colocaron dous xogos de billar móbil e varias pistas de skate.

A posta de longo de todos estes elementos será o venres 6, ás 18:30 horas, nunha xornada na que, ademais, os que acudan ao parque poderán recibir o asesoramento dunha fisioterapeuta.

Compartir: