INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

Todo listo para o comezo das obras na rúa Valle-Inclán

05/07/2007 Dende o luns 9 de xullo permanecerá pechado ao tráfico a rúa Valle-Inclán, por mor do comezo das obras de urbanización desta rúa. As tres fases desta actuación durarán nove meses e permitirán un cambio moi significativo do aspecto desta rúa, con beirarrúas máis amplas, unha calzada de seis metros de enlousado e diversos elementos complementarios. A obra terá un custo de 1.600.000 euros.

A obra realizarse en tres fases, para minimizar o menos posible o prexuízo para os habituais usuarios desta rúa. Tal como explicou o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, a primeira das fases chegará ata pasado o colexio La Salle. O obxectivo é que esta fase estea rematada en setembro, para o inicio do curso escolar. A segunda fase chegará ata a rúa do Rosario, completando así mesmo a urbanización feita na mesma polo Consorcio, mentres que a última fase completará a actuación ata a Porta do Camiño.

A rúa quedará cortada ao tráfico dende o luns 9 de xullo, polo que só se permitirá o acceso aos usuarios do aparcadoiro, aos residentes e aos que se dirixan ao CGAC. Todos eles accederán á rúa pola Porta do Camiño. A este respecto, o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, indicou que estarán perfectamente sinalizadas as alternativas e que os axentes procederán a ordenar o tráfico na zona. Ademais, advertiráselles aos donos dos vehículos estacionados para que os retiren, co obxecto de que o día 9 estea a rúa baleira.

Cambios nas liñas de transporte urbano
As obras e o conseguinte peche ao tráfico da rúa afectarán a varias liñas de transporte urbano, que accederán á zona norte da cidade a través da costa das Rodas. As liñas con cabeceira na dársena do colexio La Salle (liñas de Santa Lucía, Sar-Aríns, Villestro e Peregrina-Grixoa) trasladarán a súa cabeceira ás paradas de San Roque.

No caso das liñas C5 (circular Amio-Porta do Camiño-Paxonal-Fontiñas-Amio) e 8 (Belvís-San Lourenzo-Vidán), que circulan polas rúas do Rosario, Bonaval e Valle-Inclán, non chegarán ata a dársena, senón que terán unha parada no remate da rúa de Bonaval, para logo acceder á Porta do Camiño a través do último tramo da rúa Valle-Inclán.

Intervención integral
O arquitecto do Consorcio Ángel Panero explicou polo miúdo o proxecto, que supón unha intervención integral nesta rúa. Así, o contorno de Bonaval e do CGAC vaise resolver con lousa de pedra nas beirarrúas e con chapacuña na calzada. No tramo ata San Roque as beirarrúas levarán lousas de granito en aceiro, mentres que o pavimento da calzada incluirá o formigón negro, xa empregado na rúa das Rodas. O vieiro manterá o sentido único, aínda que o ancho será suficiente para introducir o doble sentido nalgún momento puntual.

Ademais, a obra contempla a renovación das redes de servizos. En particular, o máis visible será o cambio no alumeado público, cunhas luces máis acordes co contorno. Pero tamén se renovará a recollida da augas pluviais, a evacuación de augas residuais e as redes de abastecemento, de electricidade e de telecomunicacións. A posta baixo terra de todas estas infraestruturas é outra das novidades desta actuación.

Panero explicou que con esta intervención o Consorcio de Santiago tamén pretende "establecer unha relación inmediata cos veciños e institucións". Neste sentido, anunciou que haberá unha Oficina de Atención ao Público. Finalmente, fixo un chamamento á "comprensión cidadá" mentres duren as obras

Novos espazos singulares
O arquitecto municipal Enrique Seoane, responsable da supervisión destas obras, recalcou igualmente que "é algo máis que unha reurbanización, porque contén elementos singulares que producirán novos espazos". Nesta singularidade destaca a entrada ao colexio La Salle, coa colocación de lousas de pedra en forma de escalinata-graderío e a plantación de árbores.

Na dársena de autobuses, situarase un gran banco de peza granítica de oito metros, de acordo co tratamento que Álvaro Siza lle deu á zona, e plantarase un magnolio. Tamén se mellorará o xardín da horta de San Roque.

Finalmente, a concelleira de Mobilidade, Marta Álvarez-Santullano, recordou que na terceira fase da reforma se colocará unha pasarela peonil, que paliará o peche da rúa pola Porta do Camiño.

Compartir: