TURISMO

Curtocircuíto na Rúa, verán de curtas ao aire libre

03/07/2007 O xoves 5 de xullo comeza Curtocircuíto na Rúa, unha das actividades con máis sona do IV Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela. Tódolos xoves, ata o 23 de agosto, Curtocircuíto na Rúa traerá ás prazas e rúas do casco histórico compostelá as proxeccións das mellores curtametraxes que se están a facer nos cinco continentes. E todo isto cun especial fin de festa: a actuación de DJ Bonobo, do selo Ninja Tune, acompañado polo VJ galego Input Select, que ofrecerán unha sesión de videocreación en directo na Praza da Quintana.

Durante oito noites, os asistentes poderán disfrutar dun amplo programa de proxeccións, imprescindible para coñecer as últimas tendencias en cine de curta duración. En cada unha, ofrecerase un programa temático, nas Prazas máis emblemáticas de Compostela.

O 5 de xullo, na Praza do Toural, proxectaranse os filmes gañadores de Curto circuíto 06. Á semana seguinte, en Cervantes, tempo para unha selección do Panorama Internacional. O 19 de xullo será a vez do Panorama Latinoamericano en Praterías. Rematará o mes de xullo, novamente no Toural, coa exhibición dunha selección de traballos de vangarda seleccionados por Clermont-Ferrand Carte Blanche Lavo.

Xa en agosto, a Praza da Universidade acollerá o pase de curtas do Panorama Internacional de Animación. O seguinte xoves tamara o relevo a Praza de Abastos, cos filmes do Panorama España. O 16 de agosto exhibirase en Bonaval unha selección de vídeos musicais. O fin de festa terá o lugar o día 23 de agosto, cunha sesión de videocreación en directo co Dj británico Bonobo, de Ninja Tunes, e o Vj galego Input Select. En caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, as proxeccións terán lugar nas instalacións da Praza de Abastos.

Premio do público
Todos os asistentes a Curtocircuíto na Rúa terán a posibilidade de outorgar o Premio do Público á Mellor Curtametraxe, dotado con 1.500 euros, votando, ao remate das proxeccións, polas súas curtas preferidas. Este premio, así coma os outorgados polo xurado do Festival, será entregado na Gala de Entrega de Premios que clausurará a IV Edición de Curtocircuíto o 20 de Outubro.

A organización de Curtocircuíto na Rúa espera repetir o éxito de participación de edicións anteriores, ó ser esta, a pesar da súa xuventude, unha das actividades máis emblemáticas do verán de Santiago, á que asisten tanto os composteláns como todo tipo de público visitante que se atopa de vacacións na cidade.

Case 2.700 curtas no Concurso Internacional de Curtametraxes
Por outra parte, o 30 de xuño rematou o prazo de inscrición de traballos no Concurso Internacional de Curtametraxes. 2.695 curtas procedentes dos cinco continentes inscribíronse para participar no Concurso Internacional de Curtametraxes e Micromovies de Curtocircuíto. O prazo de envío comezou o 2 de abril, o número de participantes multiplicouse por cinco, incrementándose proporcionalmente o número e a diversidade de países de procedencia, respecto ó 2006, no que se recibiron 500 curtas en total.

Hai diversas causas que poden explicar o éxito de Curtocircuíto. Por unha banda, este ano o concurso presenta grandes novidades, como o Premio á Mellor Curtametraxe Galega, a posta en marcha da inscrición on-line a través da páxina de rexistro internacional Short Film Depot e o incremento na contía dos premios.

Dende a organización tamén se traballou para fomentar a participación dos mozos e mozas de Galicia, realizando presentacións das actividades do Festival en facultades e escolas relacionadas do sector audiovisual de toda Galicia, como a Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, a Escola Galega de Cine de Vigo, o Centro de Estudios Audiovisuais da Fundación Tic de Lugo, a Escola de Imaxe e Son de Someso na Coruña, ou o Máster de Creación e Comunicación Dixital da Universidade da Coruña, entre outros.

De entre as 2.695 curtas recibidas, un comité seleccionará aquelas que formen parte da Semana Oficial do Festival, do 16 ó 20 de outubro de 2007, sobre as que se producirá a deliberación do xurado. Os premios serán entregados na Gala que clausurará a IV Edición de Curtocircuíto o 20 de outubro de 2007. Como aperitivo, moitas delas poderanse ver durante o verán nas proxeccións de Curtocircuíto na Rúa.

Compostela Plató
Ademais, entre o 15 e o 17 de xuño rodouse en Santiago o guión gañador do Compostela Plató, "Historia del arte", de Javier Batanero. Feli Manzano, Luis Tosar, Lino Braxe, Vicente Montoto, Luis Castro Zahera e o propio director protagonizan esta reflexión sarcástica sobre a arte moderna e o seu aloxamento da realidade das clases sociais máis humildes.

O concurso é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission para promocionar a cidade de Santiago de Compostela como un escenario idóneo para rodar calquera tipo de historia. As localizacións de"Historia del arte" atópanse en lugares tan dispares como a moderna Facultade de Xornalismo, a Praza de Praterías ou a Rúa Valle Inclán.

II Mercado Internacional de Curtametraxes
Tódalas curtametraxes que se inscribiron para participar no Concurso Internacional de Curtametraxes formarán parte do Catálogo que se entregará a compradores, distribuidores, programadores e curtametraxistas de todo o mundo que participarán no II Mercado Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, do 18 ó 20 de Outubro, durante a Semana Oficial. O prazo para inscribir curtametraxes para formar parte do catálogo segue aberto ata o 12 de Setembro, a través da páxina web www.shortfilmdepot.com.

Na presentación de Curtocircuíto na Rúa participaron o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias; Manolo González, da Consellería de Cultura e Deporte; a directora de Produción de Curtocircuíto, Mamen Quintas; e o director do Festival, Tim Redford.

Compartir: