EDUCACIÓN

Aberta a Escola de Verán de Inglés

02/07/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, inauguraron no IES Rosalía de Castro unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés. Unha vez máis, moitas familias composteláns apostaron por inscribir aos seus fillos nestes cursos, que conxugan aprendizaxe e lecer.

"É unha boa oportunidade para que os nenos de Santiago accedan a unha vía de aprendizaxe diferente á do curso", apuntou Sánchez Bugallo, quen destacou o carácter lúdico destes cursos. Referiuse tamén ao "éxito extraordinario" desta iniciativa nas súas distintas edicións e á importancia da ensinanza do inglés, un idioma que "non é xa un luxo, senón unha necesidade para a súa actividade profesional no futuro".

Á asistencia aos cursos tamén se referiu Guadalupe Rodríguez, que indicou que "a Escola de Verán é xa un programa moi consolidado". A nova concelleira aproveitou para amosar a súa "ilusión" no novo cargo e a súa disposición a "continuar traballando como ata agora" no novo departamento e a "mellorar naquelo que se poida".

A Escola de Verán de Inglés desenvólvese no IES Rosalía de Castro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As sesións son impartidas por profesorado nativo con formación específica na aprendizaxe de linguas e en actividades de dinamización. As mañás están organizadas para os alumnos en tres partes.

A primeira hora da mañá, os rapaces asisten a clases de inglés nas que adquiren fluidez na conversa. A segunda parte, máis lúdica, consta de obradoiros en inglés e realizados por grupos, segundo o nivel. Finalmente, a parte académica complétase con distintas actividades, como as visitas guiadas a centros de interese da cidade, xogos, sesións de contacontos e manualidades, que permiten traballar con vocabulario específico.

Compartir: