ALCALDÍA

Santiago será sede dunha exposición itinerante organizada pola Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

28/06/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou nas reunións dos grupos de traballo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA) que se está a celebrar en Chester (Inglaterra) e que versaron sobre desenvolvemento urbano e cidades portuarias; cultura e patrimonio e desenvolvemento económico.

Durante a reunión do grupo de traballo de Cultura e Patrimonio, Santiago sumouse á proposta feita pola cidade de Rennes (sede da CCAA) para organizar unha exposición itinerante en colaboración co Museo de Europa. A exposición terá como obxectivo amosar a importancia das Cidades Atlánticas para Europa e a súa aportación á cultura europea.

As sociedades do Arco Atlántico comparten o feito de ter atravesado os océanos para descubrir outros mundos. Así, contribuíron en grande medida á apertura de Europa ao mundo, a crear un imaxinario europeo e, a través dun pasado non sempre glorioso, a dar forma ás ideas en Occidente. A exposición intentará demostrar que as Cidades do Arco Atlántico contribuíron a forxar un carácter da cultura europea que é o da curiosidade polo descoñecido e desexo de descrubrir ao Outro.

Antes de final de ano Santiago comezará xa a participar nos traballos necesarios para realizar un estudo de viabilidade técnica e financeira do proxecto desta exposición, que podería empezar a percorrer as cidades no 2008.

Santiago aportará a esta exposición obxectos procedentes dos diferentes museos da cidade. Non serán necesariamente obxectos de gran valor, pero sí deben ter un gran contido simbólico. O percorrido histórico da exposición abarcará desde os séculos XV-XVI, a era dos descubrimentos e da creación dos primeiros imperios portugués e español, ata o século XX, afondando en temas coma os movementos migratorios provocados polo franquismo e con posterioridade o regreso dos ‘indianos’ procedentes da emigración.

Durante a xornada do venres 29, Santiago participará na VIII Asemblea Xeral da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico na que se decidirá a nova presidencia da organización, unha vez finalizado o mandato da actual presidencia ostentada pola cidade escocesa de Cardiff. Ademais haberá sesións de traballo que presentarán as perspectivas da CCAA de cara ao futuro, en concreto do que se pode esperar da UE para desenvolver cidades competitivas e sostibles nesta nova etapa da Unión Europea que van presidir os portugueses.

Compartir: