CULTURA

Cita coa música de cámara de Galicia

28/06/2007 Do 22 ao 29 de xullo, os afeccionados á musica de cámara teñen unha cita co Festival Cameralia. Máis de cen destacados profesionais de varios países darán concertos polas principais cidades de Galicia, cunha especial programación reservada a Santiago de Compostela.

Cameralia é un evento internacional dedicado á musica de cámara que conxunta a dobre faceta dos concertos públicos coa ensinanza. Formacións camerísticas xa consolidadas e profesores da Academia Internacional de Música de Cámara de Galicia ofrecerán o mellor do seu repertorio

Dunha parte están os concertos que do 22 ao 29 de xullo se ofrecerán no Auditorio de Galicia, coa única excepción da actuación do 23 de xullo, que terá lugar no Auditorio Municipal de Lalín. Da outra, "Cameralia en Galicia", un ciclo de 26 concertos protagonizado polos grupos seleccionados da Academia Internacional de Música de Cámara de Galicia. As cidades de Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Ribadeo, Lalín e Moaña recibirán a estes novos talentos. Finalmente, o certame complétase con "Música na rúa", cun calendario de concertos ao aire libre dunha selección de estudantes da Academia. Celebrarase nas prazas de Compostela.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentaron en rolda de prensa este festival, acompañados polo director do mesmo, o clarinetista José Luís Estellés. A presentación musical xa se realizara o 26 de xaneiro, cun concerto do Cuarteto Casals e de do propio Estellés no Auditorio.

A Concellaría de Cultura colabora na organización deste festival coa Consellería de Cultura e Deporte, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais e o Consorcio de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: