PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO

Un programa de aprendices integrará a mozos que sufriron fracaso escolar

01/05/2005 O concelleiro de Promoción económica, Emprego, Comercio e Mercados, Xosé Manuel Iglesias, presentou un novo programa de inserción laboral e formación destinado a mozos de entre 16 e 25 anos. Este programa contempla a formación de novos nichos de mercado, como o de instalador de sistemas de enerxía solar térmica, e outros máis consolidados, como o de fontaneiro.

Integrar laboralmente a mozos que sufriron fracaso escolar e non teñen experiencia laboral é o principal obxectivo do novo programa de aprendices que está a poñer en marcha a concellería de Promoción económica e Emprego.

Segundo explicou Xosé Manuel Iglesias, para deseñar os cursos leváronse a cabo unha serie de de enquisas nas asociacións de empresarios, empresas e asociacións de comerciantes para a escolla da temática dos cursos. Ademais, a oferta deseñouse de xeito integral contemplando a formación ocupacional, a formación ocupacional experimental e máis a continua.

Os cursos de formación ocupacional diríxense, polo normal, a parados de longa duración, mulleres e discapacitados, aínda que existe un colectivo na cidade, formado por mozos de entre 16 e 21 anos cunha serie de características comúns, como o de non rematar a ESO nin ter formación específica para o desenvolvemento dun oficio, que os facían susceptibles para participar nunca iniciativa destas características. Para levar a cabo a escolla, desde os centros realizouse unha preselección de candidatos que cumprisen os requisitos esixidos na convocatoria, que posteriormente se completou coa realización das entrevistas.

Aprendizaxe dun oficio

Orientar a vida laboral dos rapaces cara a aprendizaxe dun oficio é o obxectivo primordial deste programa, a través dun proceso estruturado no que se contemplan a formación, as prácticas en empresas e a súa posterior inserción no mercado laboral a través da fórmula de aprendizaxe.

Os cursos que se ofertan neste programa son o de Fontaneiro e o de Instalador de sistemas de enerxía solar térmica. Cada curso contará cuns 15 alumnos.

Compartir: