EDUCACIÓN

A Escola de Verán abriu as súas portas

26/06/2007 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, inaugurou a VI Escola Municipal de Verán 2007, que se desenvolverá do 25 ao 29 de xuño e do 3 ao 7 de setembro. O acto tivo lugar no CEIP de Fontiñas, un dos centros que abren durante estes días, ademais do Pío XII, do Cardenal Quiroga Palacios e do Colexiata do Sar.

Guadalupe Rodríguez tivo a ocasión de compartir uns minutos cos rapaces de entre 3 e 12 anos que participan de balde nesta iniciativa. Todos eles participan nun completo programa de actividades que inclúe obradoiros de educación ambiental, artes plásticas, barro ou cociña; visitas guiadas a centros de interese, actividades deportivas ou xogos.

A Escola de Verán está aberta nos catro centros en horario de 9:30 a 13:30 horas. Acoden nenos de 6 a12 anos, aínda que os de 5 anos poden participar sempre e cando un irmá estea inscrito e asista ás actividades. Ademais, en Fontiñas hai un espazo para rapaces de 3 a 5 anos.

Os interesados poden participar na programación completa e diaria dun centro o en talleres concretos de acordo coa dispoñibilidade de prazas. Quen acuda á Escola cubrir unha ficha de participación e entregala o mesmo día no que asistan ás actividades. Se non se participa de xeito continuado nun mesmo centro, terase que amosar cada día o carné e indicar a persoa encargada de recoller ao menor.

As actividades estarán dirixidas por monitores do Centro Don Bosco, da Asociación Xuvenil para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), da Asociación Xuvenil Cruz Vermella e da Fundación Fesán. Grazas ás mesmas, respóndese á demanda dos pais de novas propostas de ocupación para os fillos e rendibilízanse os equipamentos escolares da cidade no tempo de verán.

Compartir: