CULTURA

Trece cursos compoñen a oferta do Formaclown 2007

26/06/2007 Achégase unha nova edición do Festiclown, que se celebrará do 30 de xullo ao 5 de agosto. E dentro da súa ampla oferta de actividades non faltará unha vez máis o Formaclown. O prazo para inscribirse nos trece cursos ofertados estará aberto ata o 5 de xullo.

Formaclown 2007 é o apartado formativo do Festiclown. A oferta é variada e contará con algúns dos máis prestixiosos clowns de todo mundo. Johny Melville, Leo Bassi, Fraser Hooper, Magic Andreu, Claudia Contín ou Federico Merisi, entre outros, estarán en Compostela para ensinar aos seus alumnos as claves para implicar ao espectador grazas a diversas técnicas.

Os interesados deben facer a súa inscrición a través da páxina web www.festiclown.org, nos formularios de inscrición correspondentes, ou no número de teléfono 981 582 836, previo ingreso bancario e tras enviar por fax o xustificante de ingreso. O prazo remata o 5 de xullo de 2007. As persoas que desexen facer unha preinscrición despois desta data deberán pórse en contacto coa organización do festival no mesmo número de teléfono ou a través do enderezo electrónico info@festiclown.org. A idade mínima para participar nos cursos é de 16 anos.

As persoas participantes en dous ou máis cursos do Festiclown Compostela 2007 terán un desconto do 10% sobre o importe total. O 7 de xullo de 2007 publicarase en www.culturactiva.org a listas de persoas preinscritas en cada curso. Xa o 24 de xullo, feito o ingreso bancario, faranse públicas as listas definitivas.

Nalgúns cursos tamén existe a posibilidade de asistir como oínte. O procedemento de inscrición é o mesmo e os interesados deben aboar o 50% do custo total do curso, pero non teñen a posibilidade de participar activamente no mesmo.

A organización do Festiclown Compostela 2007 pon a disposición dos participantes nalgún destes cursos un pavillón polideportivo, con servizos de ducha e wc, para durmir durante as xornadas dos cursos solicitados. Na páxina web do festival www.festiclown.org indícase como solicitar unha praza.

Os cursos

A actividade formativa comezará o 29 de xullo, cun curso de zancos para actores e actrices, a cargo do galego Avelino González. Un día despois dará inicio ás súas clases o escocés Johnny Melville, co seu curso "Performance dynamics". Do Reino Unido chegará Fraser Hoper con "Directing the Play". Os italianos Claudia Contin e Ferruccio Merisi darán un curso de movemento teatral, mentres que o valenciano Jesús Jara impartirá un de iniciación ao clown.

Do curso de clown para mulleres ocuparase a catalá Pepa Plana. Néstor Muzo (Arxentina) dará clases para ser un pallaso de hospital, e un compatriota seu, Marcelo González, ocuparase da arte do mimo coma linguaxe expresiva. O chileno Andrés del Bosque impartirá un curso de bufón sagrado e o coñecido Leo Bassi comandará as sesións "En busca da nosa identidade cómica". A oferta formativa complétase con "Manual e guía do pallaso de rúa", a cargo de Chacovachi (Arxentina), e "Novas vías para a creación teatral. Da improvisación á creación escénica", que comandará a compañía valenciana Imprebis.

Esta programación de cursos foi presentadas en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego e por Fran Rei e Iván Prado, de Cooperactiva Cultural.

Direccións relacionadas



Compartir: