PLENO

Aprobada a composición das distintas comisións e organismos municipais

25/06/2007 O Pleno extraordinario da Corporación municipal aprobou a composición das diferentes comisións, organismos supramunicipais, organismos autónomos, empresas públicas, sociedades mixtas e consellos sectoriais. Tamén e asignou o persoal e características do persoal eventual e o réxime de dedicacións exclusivas dos membros da Corporación.

Nas catro comisións informativas ordinarias, o PP terá 22 presenzas, polas 20 do PSOE e as 8 do BNG. A Comisión de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e especial de Contas, así como a de Urbanismo, Infraestruturas e Vivenda, terán seis concelleiros do PP, cinco do PSOE e dous do BNG. A composición será de 5-5-2 na de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostíbel e Servizos Municipais e na de Área Social e Cultural. O acordo adoptouse por unanimidade. A Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións estará composta por dous concelleiros do PSOE, dous do PP e un do BNG.

A proposta sobre a fixación do número, retribucións e características do persoal eventual tivo a abstención do PP. Neste capítulo destaca a asignación dun traballadores de libre designación a cada unha das oito áreas de goberno, que se irán incorporando na medida que o permitan os recursos orzamentarios. A Tenencia de Alcaldía contará cun xefe de gabinete.

Dedicacións exclusivas

Respecto á formación dos grupos municipais, todos os concelleiros do Goberno terán dedicación exclusiva, mentres que o PP contará con tres dedicacións exclusivas. A proposta foi aprobada cos votos favorables do Grupo de Goberno e o voto en contra do PP, en desacordo co número das súas dedicacións exclusivas.

En canto á representación nos distintos órganos municipais, tamén se aprobou contando co pronunciamento negativo do PP, en desacordo co reparto de representantes no Consorcio de Santiago. No resto de órganos, e de acordo cos seus estatutos, estableceuse un reparto proporcional en relación ao número de concelleiros que ten cada formación.

Os plenos, os mesmos días

Outro dos acordos foi o do día e frecuencia da celebración dos Plenos. Tal como ata agora, os Plenos ordinarios celebraranse unha vez ao mes e no último xoves. A hora seguirá sendo as 18:30 horas.

Compartir: