CONSORCIO

San Xulián de Carballal estrea igrexa rehabilitada

24/06/2007 O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a rehabilitada igrexa de San Xulián de Carballal, en cuxa remodelación o Consorcio da cidade investiu preto de 80.500 euros.

As obras consistiron fundamentalmente na resolución de patoloxías derivadas da filtración de auga. O templo presentaba abundantes manchas de humidade, que se resolveron co selado das xuntas, así mesmo procedeuse a unha limpeza xeral de fachadas. As antigas carpinterías favorecía unha entrada de auga directa na sancristía, polo que se desenvolveu un novo deseño en todos os ocos para intentar aumentar o grao de ventilación permanente que necesita a nave evitando así humidades de condensación. Deseñáronse unhas novas carpinterías compostas por aceiro inoxidable pulido sen abrillantar e substituíuse o pavimento de tarima de madeira.

No que respecta á cantería, cambiáronse as pezas rotas da espadaña e incluíronse grapas metálicas entre as pezas separadas pola xunta de morteiro.

Outra das actuacións realizadas foi a proxección dun novo coro coa súa escaleira de acceso. Esta última componse dunha subestrutura de acero inoxidable e un forrado de madeira da mesma que se emprega para a construción do coro e a tarima da nave, pino tea. Así mesmo, substitúese a escaleira de acceso á espadaña por unha análoga que evita que se oxide e que resalta a súa lixeireza e independencia con respecto á estrutura xeral da igrexa.

Por último, mellórase a protección da igrexa coa colocación dun pararraios e faise unha nova instalación eléctrica. A iluminación potencia as cualidades espaciais do edificio, tratando a totalidade da nave con apliques de parede e concentrando a iluminación do teito nun punto, na zona do altar.

Compartir: