ALCALDÍA

O alcalde asina en Madrid o acordo de cesión da biblioteca e da colección pictórica privada de Eugenio Granell á súa Fundación

21/06/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, viaxou a Madrid para asinar ante notario o acordo polo que a viúva de Eugenio Granell, Amparo Segarra, cede á Fundación que leva o nome do artista a súa biblioteca e a súa colección pictórica privada.

Grazas a esta cesión, a colección literaria, composta por uns 8.000 libros, poderá trasladarse despois do verán á súa nova ubicación no Pazo de Bendaña, no espazo que actualmente ocupa Emuvissa e que quedará libre unha vez a empresa municipal se traslade a Sar. O conxunto pictórico, integrada por unhas 2.400 obras, non se trasladará a Compostela ata o finamento da viúva do artista.

A proposta de cesión fora aprobada por unanimidade no Pleno celebrado o 29 de marzo. Na mesma agradecíase á familia de Eugenio Granell "a súa xenerosidade coa cidade de Santiago de Compostela e co conxunto da sociedade ao poñer a disposición de todos mediante a súa cesión á Fundación Eugenio Granell a obra deste grande artista, actuando de xeito absolutamente desinteresado dende o punto de vista material".

En virtude desta doazón, o Concello asume a cesión do espazo da Fundación Granell na súa situación actual da Praza do Toural, a fin de albergar a biblioteca e a nova obra. O Concello tamén se compromete a facilitar o traslado e ubicación da Fundación, sen custo algún, no caso de producirse. Finalmente, manterase o compromiso de financiamento da Fundación Granell incluíndo as novas necesidades.

Compartir: