INFRAESTRUTURAS

O Ministerio de Fomento investirá 25 millóns de euros na mellora das infraestruturas de Santiago

01/06/2005 A desconxestión do tráfico no centro da cidade e no acceso ao Polígono do Tambre, pulmón económico da cidade, son os eixes fundamentais das cinco actuacións nas infraestruturas viarias que abrangue o convenio asinado o mércores 1 de xuño pola Ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, cun investimento de 25 millóns.

O convenio, aprobado polo Consello de Ministros do 27 de maio, modifica e actualiza o asinado no ano 1995 por mor do tempo transcorrido e ten un prazo previsto de execución ata o ano 2008. Nalgúns casos as modificacións son substanciais, como no vial Sar-Pontepedriña que pasará dos dous carrís iniciais aos catro que agora se executarán.

Tres dos proxectos (o denominado cuarto xiro de Cornes, o túnel baixo a rotonda de Galuresa e a duplicación do vial Sar-Pontepedriña) aliviarán o intenso tráfico que soporta a rotonda de Galuresa (máis de 60.000 vehículos ao día), orixe de frecuentes retencións.

O túnel de Galuresa na Pontepedriña
Peza fundamental na desconxestión desta rotonda de distribución do tráfico, o paso inferior para catro carrís entre Cornes e Hórreo conta cun orzamento de 15 millóns de euros. A súa execución será posterior á do vial de conexión entre Sar e Pontepedriña e do cuarto xiro de Cornes, co fin de evitar a simultaneidade de obras que incidan na fluidez do tráfico.

O proxecto formula este paso inferior como "a solución máis correcta (...) dada a evolución dos tráficos, o nivel de servizo conxestionado na zona e o tráfico inducido no entorno da estación ferroviaria (futura estación do AVE da capital de Galicia".

Vial de conexión entre a Avenida de Lugo e Pontepedriña
Aínda que inicialmente comezou a súa construción con dous carrís de circulación o novo convenio establece a súa ampliación a catro. Nunha primeira fase se realizará un paso inferior baixo o trazado do ferrocarril, e nunha segunda fase, cando a construción da estación intermodal do AVE de Santiago e o tráfico así o requiran, acometerase un novo carril por sentido e unha glorieta intermedia que conecte coa estación intermodal, mediante un túnel baixo o ferrocarril. A estimación económica desta actuación supón un total de 1,9 millóns de euros.

O cuarto xiro de Cornes
Esencial para aliviar a confluencia do tráfico na rotonda de Galuresa, o denominado cuarto xiro de Cornes posibilitará que o tráfico procedente de Ourense poida circular cara a Conxo sen necesidade de circular pola Pontepedriña. O xiro desde a SC-II (Cornes-Castiñeiro) cara o novo acceso a Santiago da SC-20 (Cornes-Choupana), ten un custo estimado en 2,4 millóns de euros.

Remodelación do enlace co Polígono do Tambre

Atendendo a demanda dos empresarios cara a facilitar os movementos de entrada e saída no polígono do Tambre, o convenio programa a remodelación do actual enlace.

Nas 100 hectáreas de superficie deste polígono desenvolven a súa actividade máis de 350 empresas con 3.500 empregados, o que supón unha intensidade tráfico de arredor de 30.000 vehículos cada día, moitos deles pesados, que atopan un estrangulamento na ponte de acceso ao polígono, con só dous carrís.

A intervención prevé duplicar a estrutura da ponte sobre a estrada N-550, permitindo o paso de dous carrís por sentido, así como a remodelación dos ramais do actual enlace. O importe desta actuación é de 1,5 millóns de euros.

Ampliación do periférico
Finalmente o acordo do Consello de Ministros aborda tamén a ampliación a tres carrís no periférico de Santiago (SC-20), a fin de aliviar un tráfico que en momentos punta satura o enlace do polígono industrial con San Lázaro e coa autoestrada AP-9. Este terceiro carril se construirá entre os puntos quilométricos 1,480 e 2,080, cun custe aproximado de 2,1 millóns de euros.

Documentos relacionados



Compartir: