ALCALDÍA

Xosé A. Sánchez Bugallo asume no seu terceiro mandato o reto de garantir "a continuidade do proxecto dunha cidade con calidade de vida e de servizos"

16/06/2007 A lexislatura 2007-2011 terá como alcalde a Xosé A. Sánchez Bugallo, tras ser elixido por catorce votos favorables na sesión constitutiva da nova Corporación Municipal. Afronta así o seu terceiro mandato consecutivo, no que o seu maior compromiso, dixo, será "defender os dereitos dos composteláns, porque enre outras cousas, foron eles os que fixeron posible levar a diante o proceso de transformación de Santiago que comezou hai anos e que hoxe segue adiante.

No seu discurso de toma de posesión, Sánchez Bugallo puxo especial énfase na prioridade que para o novo Goberno terán as políticas sociais, para lograr "unha cidade que loite pola equiparación de oportunidades entre homes e mulleres, que atenda ás inquedanzas das familias, dos discapacitados, das persoas en risco de exlcusión social e dos inmigrantes". Neste sentido, referiuse á creación do Instituto Municipal de Benestar Social.

Outra das prioridades será o acceso á vivenda, reafirmando a aposta pola vivenda protexida. Lembro que no último mandato se remataron 2.500 vivendas protexidas e que hai outras 2.000 en marcha. Anunciou a construción de 4.000 novas vivendas no cuadrienio 2007-2010, concentradas sobre todo na zona norte de Santiago. Este crecemento da vivenda irá acompañado, dixo, da dotación de solo industrial.

No ámbito das infraestruturas de comunicación referiuse á futura estación do AVE e á nova terminal de Lavacolla, que permitirán a "consolidación e proxección turística da cidade". "Cómpre seguir traballando dende unha estratexia de desenvolvemento turístico sostible, respectuoso co medio ambiente natural, social e cultural, creativo e innovador", indicou o alcalde.

Tamén se fixou como reto "consolidar o papel de Santiago como terceira área comercial de Galicia e o seu papel no hinterland que inclúe o sur da provincia da Coruña, dende o Barbanza e Melide, ata a provincia de Pontevedra". Nesta liña, indicou que "o noso desexo é que exista un órgano estable de coordinación entre o Concello e os sectores comerciais que apoie a creación dunha Escola do Comercio en Santiago e impulse a Compostela como centro comercial e a formación dos profesionais do comercio.

Non faltou a referencia á Cidade da Cultura ou á actividade dos centros socioculturais, "que veñen demostrando con eficacia o fomento da convivencia entre os veciños e a súa participación na actividade dos barrios". O mantemento da política de "rehabilitación, vivificación e mantemento do Casco Histórico" e a consolidación de Santiago como cidade verde completaron o discurso de Sánchez Bugallo.

Finalmente, o alcalde agradeceu aos socios de Goberno, o grupo municipal do BNG o seu apoio, plasmado nun acordo que "expresa políticamente a vontade da gran maioría da nosa cidadanía para facer un proxecto colectivo que recolle hoxe os froitos de anos anteriores para seguir sementando futuro e apostando pola liberdade, a igualdade e a xustiza social". Tamén fixo unha invitación expresa ao Partido Popular "para a súa participación activa, necesaria e construtiva".

Novos concelleiros

Antes de que o alcalde prometera o seu cargo, fíxerano os novos concelleiros. Polo PSOE, ocuparon o seu banco en Raxoi Mar Martín García, Bernardino Rama Seoane, Mercedes Rosón Ferreiro, Andres Fariña Cadenas, Marta Álvarez-Santullano Fernández-Trigales, Xosé Baqueiro Canabal, Rosa Fernández Somoza, Francisco Candela Castrillo e Guadalupe Rodríguez Silva. Os concelleiros do BNG serán Nestor Rego Candamil, Elvira Cienfuegos López, Xosé Manuel Iglesias Iglesias e Socorro García Conde. Xuraron o cargo polo PP Gerardo Conde Roa, Amelia González Brandariz, Ricardo García-Borregón Millán, Paula Prado del Río, Jesús María Gamallo Aller, Cecilia Sierra Rey, Ángel Currás Fernández, Javier Sánchez-Agustino Mariño, Ángel Espadas Díez, María Seoane Romero e Albino Vázquez Aldrey.

Documentos relacionados



Compartir: