CORPORACIÓN

PSOE e BNG presentaron as liñas xerais do acordo de goberno para a lexislatura 2007-2011

16/06/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o que será tenente de alcalde, Néstor Rego, presentaron as liñas básicas do acordo entre PSOE e BNG para gobernar o Concello de Santiago nos vindeiros catro anos. O acordo asinarase e presentarase en todos os seus termos o martes 19 de xuño.

Para Sánchez Bugallo, este acordo "será bo para os composteláns e plasma na Corporación de Goberno o que eles plasmaron nas urnas". En termos semellantes se pronunciou Rego, quen apuntou que se recollen "aqueles proxectos que van facer que Compostela siga avanzando nos vindeiros catro anos".

Trátase dun acordo "programático e de funcionamento do Goberno municipal", que garante, en palabras do alcalde, "un Goberno unitario e solidario, que dá un amplo marxe de autonomía a cada concelleiro".

En canto ao reparto de competencias, o PsdeG-PSOE asume as áreas de urbanismo e vivenda; facenda; réxime interior, persoal e reforma administrativa; obras e infraestruturas; benestar social; muller; servizos; educación e mocidade; deportes; mobilidade e seguridade cidadá; transportes; mercados; sanidade e consumo; normalización lingüística, relacións veciñais, festas e vodas. O BNG ocuparase das áreas de promoción económica, emprego, comercio e turismo; cultura e centros socioculturais; medio ambiente e desenvolvemento sostible; e rehabilitación e cidade histórica.

Ademais, Néstor Rego será primeiro tenente de alcalde e voceiro. Establécense cinco comisións informativas, das que tres estarán presididas por un integrante do PSOE e dúas por concelleiros do BNG. En canto á Xunta de Goberno, estará integrada por seis concelleiros do PSOE e tres do BNG.

Compartir: