NOVA LEXISLATURA

Todo listo para a constitución da nova Corporación municipal

15/06/2007 O sábado 16 de xuño, ás 13:00 horas, terá lugar a sesión constitutiva da Corporación municipal que afrontará a lexislatura 2007-2011. O acto rematará coa elección e toma de posesión do alcalde.

A sesión constitutiva comezará coa formación da Mesa de Idade, que estará formada polo concelleiro de máis idade e polo máis novo, que xurarán o cargo a representar na devandita Mesa. Comprobadas pola Mesa as credenciais dos electos, o secretario xeral chamará por orde alfabética aos concelleiros electos para prestar xuramento ou ou promesa. Na mesa da presidencia impoñeráselles a medalla e a insignia. Os integrantes da Mesa de Idade serán os últimos en xurar o cargo.

A continuación procederase á elección do alcalde-presidente. O secretario xeral chamará por orde alfabética aos concelleiros para que depositen o seu voto secreto na urna. Rematado o reconto, o presidente da Mesa dará lectura do resultado. Finalmente, o alcalde elixido xurará o cargo e recibirá do presidente da Mesa o bastón de alcalde, para pasar a presidir o acto. O novo alcalde lerá un discurso de toma de posesión.

Compartir: