REHABILITACIÓN

"Reflexos": como recuperar unha cidade

15/06/2007 O Teatro Principal acollerá os días 25 e 26 de xuño as xornadas "Reflexos. Recuperación dunha cidade". Trátase dun evento no que "os protagonistas non serán as Administracións, senón os comerciantes, os promotores e os técnicos que traballan no deseño da cidade", tal como explicou a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico en funcións, Mercedes Rosón.

As xornadas son "unha invitación a que todos eles falen da súa experiencia e dos seus proxectos", dixo Rosón. Todo isto co formato dun "pequeno espectáculo, dunha celebración para reflectir todo o esforzo de rehabilitación", apuntou o arquitecto responsable da OCIHR, Javier Fernández. Serán pequenas intervencións, cun marcado carácter audiovisual, para facer un evento "áxil" e dirixido a todos os cidadáns. A entrada é libre.

As sesións comezarán o luns 25 de xuño. Esa xornada as intervencións centraranse en tres ámbitos: a arqueoloxía, a reurbanización e os negocios. Ao día seguinte, a protagonista será a vivenda e a súa rehabilitación. Ademais, a sesión de clausura estará acompañada de referencias a dous importantes proxectos, como son o do edificio de vivendas de Otero Pombo, obra do arquitecto Víctor López Cotelo, e o da Biblioteca do Estado de Xoán XXIII, de Andrés Perea Ortega.

As xornadas están organizadas pola OCIHR e polo Consorcio de Santiago, e patrocinadas polo Ministerio de Cultura e pola Asociación de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Compartir: