BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago recibe un novo premio polo seu labor en apoio ás persoas con discapacidade

14/06/2007 A concelleira de Benestar Social en funcións, Adelaida Negreira, recollerá en Madrid o venres 15, ás 21.30 horas, o Premio Cocemfe, galardón que outorga a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica.

Esta entidade concede o recoñecemento correspondente á categoría de Corporación Local ao Concello de Santiago polo destacado apoio do municipio compostelán ás persoas con discapacidade física e orgánica.

O Consello Estatal de Cocemfe salienta na misiva remitida ao rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que "grazas ao bo facer do Concello de Santiago de Compostela e á sensibilidade que como alcalde mostrou cara ao colectivo que representamos, as persoas con discapacidade encontraron no municipio un lugar cálido e acolledor no que desenvolverse con normalidade en todas as súas facetas; accesibilidade, servizos sociais, transportes, integración laboral, formación...Por este nobre traballo, e por facer seus os problemas e os soños das persoas con discapacidade, queremos mostrarlle o noso recoñecemento".

O acto de entrega, ao que asistirá a edil Adelaida Negreira en nome do alcalde compostelán, terá lugar no madrileño Hotel Rafael Atocha, situado na rúa Méndez Álvaro.

Compartir: