CONSORCIO

Ponse en marcha o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana

14/06/2007 O alcalde compostelán en funcións e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, presentaron o novo Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana. Este galardón pretende recoñecer e fomentar iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina, a través da transformación e mellora de espazos urbanos.

Poderán optar a este premio proxectos urbanos aínda non executados, tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración, a desenvolver nas cidades históricas dos países latinoamericanos. O premio ten carácter anual e unha dotación de 180.000 euros para a execución do proxecto.

Sánchez Bugallo indicou que, cara a vindeiras edicións do premio, "o obxectivo é que a entrega se poida facer o 25 de xullo". Respecto á colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) neste ámbito, lembrou a formación de arquitectos que se vén facendo na cidade.

Pola súa parte, Leire Pajín, indicou que "esta colaboración con Santiago de Compostela é un exemplo de como as cidades poden ser un instrumento fundamental para a cooperación ao desenvolvemento". Neste sentido, destacou "a política de xestión urbana de Compostela" como exemplo para as actuacións a desenvolver en moitas cidades de América Latina. "Deste xeito –dixo- ponse o patrimonio de cidades como Santiago ao servizo da cooperación de da loita contra a pobreza".

Este premio está promovido polo Consorcio de Santiago, a AECI e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Entre os criterios que se van a ter en conta á hora de seleccionar o proxecto gañador, non só figuran aqueles relacionados coa calidade dende un punto de vista estritamente arquitectónico ou urbanístico. Tamén se valorarán aqueles que teñan en conta unha maior calidade de vida das persoas, as melloras ambientais ou os que aseguren o equilibrio entre tradición e innovación urbanística, entre outros.

A convocatoria do premio estará aberta dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro de 2007. A entrega do galardón celebrarase en decembro. As bases do concurso pódense consultar en: www.premiosantiagodecompostela.gal.

Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana

As propostas gañadoras, as finalistas e unha selección dos proxectos presentados conformarán o Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana, recompilación elaborada para ampliar a súa repercusión e divulgación. Este arquivo estará a disposición pública na sede do Consorcio.

Trátase deste xeito non só de establecer unha liña de cooperación ao desenvolvemento, senón tamén de contribuír á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana e de difusión da imaxe de Santiago no ámbito latinoamericano.

Colaboración coa AECI

O premio enmárcase na colaboración entre o Consorcio e a AECI. Así, a entidade interadministrativa puxo en marcha un novo proxecto de formación dirixido a arquitectos mozos en colaboración coa AECI. Mediante este acordo, o Consorcio conta dentro da súa Oficina Técnica con arquitectos novos latinoamericanos que desenvolven a súa experiencia nas iniciativas de rehabilitación postas en marcha no organismo.

Tal é o caso de Patricia Segovia, directora da Oficina de Rehabilitación de Suchitoto (El Salvador), que estivo dous meses na Oficina Técnica do Consorcio, ou da arquitecta Mariusa Henríquez, directora da Oficina Técnica de Catacamas (Honduras), que estará en Santiago ata o mes de outubro.

Durante 2007 formaranse un máximo de seis becarios latinoamericanos, seleccionados polo programa Patrimonio para o Densenvolvemento, da AECI, entre os técnicos locais implicados nos proxectos en execución.

Na presentación do premio tamén estiveron a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Compartir: