EDUCACIÓN E MOCIDADE

A Escola de Verán chega á súa sexta edición

14/06/2007 Rapaces de entre 3 e 12 anos están convidados a participar na VI Escola Municipal de verán. Desenvolverase do 25 ao 29 de xuño e do 3 ao 7 de setembro no CEIP Quiroga Palacios, Fontiñas, Pío XII e Colexiata do Sar. As actividades celebraranse en horario de 9:30 a 13:30 horas. A participación é de balde.

A Escola de Verán é unha oferta para o ocio e o tempo libre dos máis novos, nunhas datas en que as familias demandan novas propostas de dinamización e de ocupación do tempo libre para os seus fillos e fillas. Ademais, esta iniciativa intenta rendibilizar os equipamentos escolares como un espazo de aprendizaxe no tempo de verán.

O programa de actividades inclúe obradoiros de educación ambiental, artes plásticas, barro e cociña. Complétase con visitas guiadas a centros de interese, actividades deportivas e xogos cooperativos e populares.

Nestas actividades poderá participar calquera neno ou nena con idade comprendida entre os 6 e os 12 anos. Os nenos de 5 anos, poderán participar sempre e cando un irmá tamén estea inscrito e asista ás actividades diarias do centro. No CEIP de Fontiñas habilitarase un espazo adaptado para nenos e nenas de 3 a 5 anos.

Para poder participar no programa é obrigatorio cubrir a ficha de participación, que deberá entregarse cuberta no espazo de recepción o mesmo día no que asistan ás actividades. Naqueles casos nos que participen de forma continuada nun mesmo centro, cada día deberá amosar o carné e indicar a persoa responsable de recoller ao menor.

A participación é de balde e de libre elección; é dicir, pódese participar na programación completa e diaria dun centro ou ben en talleres concretos de acordo coa dispoñibilidade de prazas en cada momento. As actividades estarán dirixidas por monitores do Centro Don Bosco, da Asociación Xuvenil para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), da Asociación Xuvenil Cruz Vermella e da Fundación Fesán.

Escola de Verán de Inglés

Por outra parte, 206 rapaces de 6 a 15 anos participarán na Escola de Verán de Inglés, que terá lugar do 2 ao 31 de xullo.

O curso realizarase no IES Rosalía de Castro, en horario de 8:30 a 14:00 horas. O prezo da actividade é de 150 euros para o mes completo, e de 90 euros no caso da quincena.

O obxectivo deste curso é consolidar o nivel de inglés adquirido durante o curso escolar polos alumnos, mellorar a súa competencia co idioma e potenciar a inmersión dos escolares no mundo do inglés e da cultura anglosaxona.

Faranse grupos en función da idade e do nivel de inglés. As actividades tamén se adaptarán segundo estas circunstancias. As clase serán impartidas por profesorado nativo e cada alumno contará cunha mochila, cunha carpeta, cunha carpetiña e cun lapis, así como con diverso material educativo.

Programas de lecer

A oferta de lecer deste verán complétase con outras actividades a desenvolver no mes de xullo. Así, o programa Barcelona levará a uns 30 rapaces de entre e 12 e 15 anos a realizar unha visita didáctico-cultural á Cidade Condal. Será do 8 ao 14 de xullo.

Outra das propostas levará a rapaces de 4 a 7 anos á Granxa Escola "Fervenza do Toxa", en Silleda (Pontevedra), entre o 14 e o 16 de xullo. Tamén está prevista unha viaxe ao Centro de Educación Ambiental "As Corcerizas", na Serra de San Mamede (Ourense). Haberá dúas quendas: unha do 2 ao 11 de xullo para rapaces de entre 8 e 9 anos e outra do 14 ao 23 de xullo para nenos de 10 a 13 anos.

Compartir: