ÚNICO CONCERTO DOS MEXICANOS EN GALICIA

A banda Maná achégase ao Monte do Gozo dentro do seu "Amar es combatir World Tour 2007"

14/06/2007 Os mexicanos Maná estarán o vindeiro 22 de xuño en Compostela para presentar os traballos do seu último disco Amar es combatir, na que será a única parada que a banda realice en Galicia dentro da súa xira de concertos de 2007. Na súa última visita á nosa comunidade conseguiron reunir no Coliseum da Coruña arredor de 11.000 espectadores. As previsións apuntan a que esta cifra podería rebasarse amplamente no concerto que ofrecerán en Compostela, para o que podería chegar a completarse o aforo do Monte do Gozo -de 30.000 persoas-. De cara a axilizar os accesos ao mesmo o Concello porá en marcha un servizo de transporte a partir das 18:00 horas.

O núcleo orixinario de Maná xorde en Guadalaxara mediados os anos setenta, nun principio para interpretar temas dos seus ídolos Led Zeppelin, os Beatles e os Rolling Stones baixo o nome The Green Hat Spies, co que sacarían dous discos pouco exitosos: "Sombrero verde" e "A ritmo de rock". Tras estas dúas producións a banda reformaríase e quedaría como compoñentes con Fernando Olvera (Fher), Alejandro González (Alex), e os irmáns Juan e Ulises Calleros.

Esta nova formación tomaría por nome Maná e empregaría para as súas composicións ritmos máis latinos.

No 87 publican "Maná", no 89 "Falta amor", e non será ata o 1992 con "¿Dónde jugarán los niños?" cando acadan o éxito definitivo en México e en gran parte dos países de fala hispana.

Tres anos máis tarde sairía á luz "Cuando los ángeles lloran", e no 97 o seu "Sueños líquidos" sairá á vez en 26 países.

O sétimo disco de Maná, xusto o anterior a este "Amar es combatir" co que están de xira, é "Revolución de amor", do 2002, con Rubén Blades e Carlos Santana como colaboradores.

Catro anos depois Maná trae un novo e agardado traballo "Amar es combatir", para o que contaron co enxeñeiro de gravación Thom Russo - quen ten traballado con Macy Gray, Michael Jackson e Eric Clapton - , e con Juan Luis Guerra para o dueto 'Bendita tu luz'.

Horario 22 de xuño de 2007 ás 22:30

Lugar Auditorio do Monte do Gozo

Prezo 28 € adiantada. 30 € o día do concerto. 23,80 € usuarios da Tarxeta NetClub de Caixa Galicia. As entradas pódense mercar a través do teléfono 902 434 443 ou na web de Caixa Galicia.

Servizo de transporte público

O Concello de Santiago habilitará un servizo especial de autobuses, que circularán de xeito continuado a partir das 18:00 horas desde a rúa da Rosa.

Ademais funcionará de como habitualmente a Liña 6, con parada en San Marcos, preto do lugar do concerto. Podes consultar o seu percorrido na web da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano. As tarifas serán as vixentes.

Direccións relacionadas



Compartir: