MULLER

O Concello de Santiago e a USC reforzan a súa colaboración no premio Xohana Torres

12/06/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da USC, Senén Barro, asinaron un convenio que ten por obxecto establecer os termos de colaboración entre ambas institucións para a convocatoria e concesión do premio Xohana Torres.

O Concello de Santiago de Compostela e a USC, en consonancia coa filosofía de impulso cultural, da igualdade social e da integración, dan así estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades, na convocatoria e outorgamento do Premio Xohana Torres.

En virtude do acordo, a Universidade de Santiago de Compostela fará unha valoración técnico-científica de todos os traballos presentados; publicará a obra premiada, cun mínimo de 300 exemplares por edición, e difundiraa no ámbito universitario. A USC tamén formará parte do xurado encargado de avaliar as obras presentadas e levará a cabo unha campaña de publicidade e difusión da convocatoria do premio dentro da propia institución.

Pola súa parte, o Concello de Santiago de Compostela comprométese a levar a cabo a convocatoria pública do premio e a organizar todos os aspectos tocantes a ela. Recibirá e rexistrará todos os traballos presentados e comprobará o cumprimento dos requisitos que se recollen nas bases da convocatoria. Ademais, sufragará o contido económico do premio que cada ano recollan as bases da convocatoria, dará publicidade á resolución do premio, organizará e sufragará os gastos do acto de entrega do mesmo, e formará parte do xurado encargado de avaliar as obras presentadas.

O convenio terá unha vixencia de catro anos, non obstante, poderase prorrogar, por acordo expreso de ambas partes, por igual período de tempo.

Contribución ao coñecemento

O Concello de Santiago de Compostela instituíu e vén desenvolvendo desde o ano 1993, por iniciativa da Concellaría da Muller, o Premio Xohana Torres co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual como no pasado.

Esta iniciativa encádrase así entre as medidas desenvolvidas pola devandita concellaría para a consecución dos seus obxectivos básicos, entre os que se atopan potenciar a figura da muller; deseñar, promover e poñer en marcha unha política para as mulleres que pugne polo seu desenvolvemento integral, pola equidade de xénero e por un cambio cultural que valore a súa achega ao desenvolvemento; impulsar o respecto, o desenvolvemento e a difusión dos dereitos das mulleres; concertar e xestionar recursos para o deseño; e a implementación dos diferentes programas e proxectos coas entidades sectoriais e os organismos multilaterais.

Documentos relacionados



Compartir: