TURISMO

Turismo de Santiago busca aos novos "chaquetas vermellas"

11/06/2007 Turismo de Santiago, en colaboración coa Oficina de Voluntariado e o Consello Social da Universidade de Santiago, convoca un verán máis a todos os voluntarios que desexen formar parte da nova xeración de "chaquetas vermellas".

Para reforzar os servizos de información turística durante a temporada alta, Turismo de Santiago reunirá un ano máis a un grupo de voluntarios que, entre o 2 de xullo e o 31 de agosto, funcionarán como "informadores móbiles" nas principais rúas e prazas do casco histórico compostelán.

Os "chaquetas vermellas" son xa coñecidos non só polo seu vistoso uniforme, senón tamén pola importante axuda que prestan cada verán a turistas e peregrinos informando sobre as múltiples opcións turísticas e de lecer da cidade, aloxamentos, medios de transporte, enderezos e moitas outras cuestións.

O programa, organizado conxuntamente por Turismo de Santiago, o Consello Social e a Oficina de Voluntariado da Universidade de Santiago de Compostela, busca mozos e mozas maiores de 18 anos e con coñecementos de galego, castelán e inglés (ou máis idiomas), que poidan dedicarse a este proxecto do 2 ao 29 de xullo ou do 30 de xullo ao 31 de agosto.

Os interesados poden solicitar máis información ou presentar a súa inscrición en Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63, de 9 a 21 h) ou polo correo electrónico ot@santiagoturismo.com ata o día 17 de xuño.

Compartir: