REHABILITACIÓN

Ratificado o Estudo de detalle para a rehabilitación integral de Vista Alegre

11/06/2007 O Goberno local aprobou inicialmente o Estudo de detalle para a rehabilitación integral do Barrio de Vista Alegre, redactado polos arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre. Este traballo ofrece unha cobertura normativa aos cambios físicos que se producirán en virtude desta intervención, respondendo así mesmo ás demandas dos veciños.

O Estudo de detalle propón a reordenación do sistema viario, co establecemento de rasantes que supoñen a supresión dos percorridos peonís existentes á altura da primeira planta. Tamén se suprimen outros que, discorrendo ao nivel de planta baixa, non o fan ao mesmo nivel que a vía á que serven. Estas rasantes e a súa relación cos espazos peonís adxacentes contemplarase no proxecto de urbanización.

Ademais, sinálanse aliñacións que resultan de liberar os espazos porticados, así como do emprazamento de ascensores pegados aos edificios e dos novos portais de acceso na planta baixa.

O Estudo resolve a transformación dos actuais sotos en plantas baixas, coa permisividade para uso comercial, e o traslado do portal de acceso á rúa a nivel de planta baixa. O aparcadoiro soterrado baixo o Parque San Xoan, cunha superficie de 2.983 metros cadrados e unha capacidade aproximada de 100 prazas nunha soa planta, tamén se reflicte.

Finalmente, formúlase unha proposta de iluminación exterior e as condicións concretas para a instalación de ascensores, dos núcleos de escaleiras, dos portais de acceso, da renovación de fachadas, da cubrición de antigas terrazas de doutros aspectos estéticos dos edificios.

Compartir: