CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ciencia, música, xogos e teatro na III Semana Cultural do Castiñeiriño

11/06/2007 A concelleira en funcións de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez presentou a III Semana Cultural do Castiñeiriño. Do 12 ao 16 de xuño, todos aqueles que o desexen poden achegarse ata este centro sociocultural para gozar de diversas actividades para tódalas idades.

A propia Guadalupe Rodríguez inaugurará o evento o martes 12, ás 19:00 horas, nun acto amenizado polo coro Amigos do Castiñeiriño. Será tamén o momento de abrir a exposición "Especies mariñas ameazadas", cedida pola Coor¬dinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CENMA), e a mostra dos traballos realizados nos obradoiros da Asociación de Mulleres Recandea.

Tódolos días haberá xogos en rede e obradoiros. Entre estes destacan o taller de ciencia, o de monicreques e o de toma de decisións. Tamén hai unha charla, o mércores 13, acompañada dunha proxección, a cargo do CEMMA.

Para o xoves 14 queda o campionato de fútbol sala, coa colaboración do Club Deportivo Castiñeiriño, e un particular Encontro urbano, con karaoke, graffiti e o concerto de Non Residente ás 22:00 horas. Este mesmo día, ás 20:30 horas, as Aulas de Teatro da Terceira Idade do Concello de Boqueixón representan a obra teatral "María la mosca".

O venres é unha xornada destinada preferentemente aos máis novos. Haberá unha festa da espuma, unha sesión de contacontos a cargo de Soledad Felloza e un festival xuvenil. E para rematar a Semana Cultural, o sábado 16 de xuño, a partir das 19:00 horas, foliada coa Agrupación Folclórica Al¬borada de Santa Lucía e as pandeireteiras de Amigos do Castiñeiriño.

Documentos relacionados



Compartir: