LINGUA

Os centros escolares de Compostela inauguran os obradoiros da oitava edición do certame Enreguéifate

05/11/2024 Esta semana deu comezo a primeira acción formativa da oitava edición do Enreguéifate que se desenvolveu no CEIP de Vite. Serán un total de once colexios e institutos do municipio compostelán os que acollerán a vintena de obradoiros que se desenvolverán entre o 4 e o 18 de novembro, da man das formadoras Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón.

Arrinca así en Compostela unha das principais accións do proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Santiago, Ames, Carballo, Pontevedra e Teo, que ten como obxectivos principais que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos que van desde a regueifa até os atranques do Entroido do Ulla.

En total, Santiago acollerá un total de 19 obradoiros nos seguintes centros educaticos: Colexio San Jorge, CEIP Lamas de Abade, Colexio Plurilingüe Vilas Alborada, IES Antonio Fraguas, IES Rosalía de Castro, IES Lamas de Abade, CEIP de Vite, CEIP Apóstolo Santiago, Seminario Menor, CIFP Compostela e CEIP Mestre Rodríguez Xixirei.

Ademais, coa realización dos obradoiros sobre as diversas formas de improvisación poética tamén se procura promover a participación do alumnado dos centros escolares galegos no certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación no Enreguéifate estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025 e a inscrición poderá facerse dende a páxina web do certame Enreguéifate, onde xa están dispoñibles as bases.

Co lema Enreguéifate, puro magnetismo!, esta oitava edición volverá contar con dúas categorías: xeral e escolar. Como novidade, este ano amplíanse de seis a oito os premios por cada unha delas. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.

Direccións relacionadas



Compartir: