REHABILITACIÓN

Un estudo de detalle resolve as esixencias legais e veciñais para a posta en marcha da ARI de Vista Alegre

08/06/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, presentaron o Estudo de detalle para a rehabilitación integral do barrio de Vista Alegre, que será aprobado inicialmente pola Xunta do Goberno do luns 11 de xuño. Este traballo resolve as peticións formuladas polos veciños e ampara legalmente os cambios físicos que se producirán neste barrio.

Segundo Sánchez Bugallo, "o Estudo da sustento legal" a estas modificacións, para o cal se tomou xa como referencia as previsións do PXOM. "Trátase de ocupar espazo público para mellorar a accesibilidade", engadiu Mercedes Rosón a propósito do contido do traballo. Así, a variación máis importante é que desaparecen as terrazas, polo que a rasante pasará a ser a dos baixos. Esta ocupación do espazo tamén afecta aos ascensores exteriores previstos.

Con este estudo, apuntou a concelleira en funcións, "dáse solución aos problemas manifestados polos veciños" xa que, por exemplo, moitos deles teñen as terrazas que agora desaparecerán incluídas nas súas escrituras.

O alcalde en funcións indicou tamén que se está a preparar o proxecto de urbanización. Despois deste, unicamente quedará chegar a acordos cos propietarios para empezar as actuacións. "Haberá que seleccionar os bloques polos que se empeza", dixo. Compre lembrar que cada edificio ten 16 propietarios.

Deste xeito, Sánchez Bugallo expresou o seu desexo de que "tras o verán" poida iniciarse unha actuación que "ten que ser emblemática e de referencia". A de Vista Alegre é a primeira Área de Rehabilitación Integral declarada en Galicia fóra do ámbito dun casco histórico.

Compartir: