BONOS CORAZÓN

Os Bonos Corazón adiantan a súa chegada: 450.000 euros para incentivar o consumo no comercio e na hostalería locais

02/11/2024 Os Bonos Corazón estarán dispoñibles para a súa descarga a partir do 8 novembro, e desde dous días antes, desde o día 6, poderánse adherir ao programa os establecementos de comercio e hostalaría de Santiago. A Xunta de Goberno Local aprobou, nunha sesión extraordinaria, a convocatoria deste 2024, á que se destina un orzamento de 450.000 euros.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, apuntou que a campaña chega este ano con dúas novidades: un incremento orzamentario de 17.000 euros con respecto a 2023, e a mudanza nas datas. Ao respecto, a tenenta de alcaldesa explicou que "atendimos á demanda dos colectivos de comerciantes, que solicitaron que os Bonos Corazón se centralizaran no mes de novembro". María Rozas lembrou que "os Bonos Corazón son unha medida pensada para fomentar o consumo no comercio e hostalería locais, fortalecendo estes sectores e dinamizando a actividade económica en Santiago".

Condicións dos bonos
Tal e como se recolle nas bases dos Bonos Corazón 2024 aprobados pola Xunta de Goberno, os establecementos que desexen adherirse ao programa poderán facelo desde as 9.30 horas do próximo día 6 e ata o 29 de novembro. En canto á solicitude dos bonos por parte dos e das usuarias, farase como en edicións anteriores a través da web www.bonoscorazoncompostela.gal, e estarán dispoñibles para a súa descarga desde as 9:30 horas do 8 de novembro. Para evitar a fenda tecnolóxica, e pensando sobre todo na poboación de maior idade, ábrese a posibilidade de solicitar os bonos de maneira presencial, reservando, a partir do 6 de novembro, unha cita no departamento de Comercio a través do teléfono 981 542 492.

A validez dos Bonos Corazón para seren canxeados nos establecementos adheridos será ata as 22 horas do 4 de decembro. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. O importe irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras. Rematado o periodo de validez, o bono non trocado caducará e non se poderá solicitar a súa devolución.

Ao igual que o ano pasado, establécese unha única modalidade de bono cun valor de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa solicitante os 30 euros restantes. Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos.
Na campaña de 2023, 19.537 persoas adquiriron un total de 44.153 Bonos Corazón. Desta maneira, mobilizáronse case 4 millóns de euros, dos que se beneficiaron 567 establecementos de Santiago (484 comercios e 83 negocios de hostalaría)

Subvencións ás asociacións de comerciantes
A Xunta de Goberno tamén aprobou a concesión das axudas para actividades de promoción e dinamizacion comercial correspondentes a 2024. As subvencións sumarán un importe total de 83.615,42 euros.

Das axudas beneficiaránse cinco asociacións de comerciantes de Santiago: Compostela Monumental (31.906,83 euros), Asociación Punto Compostela (25.812,53 euros), Fundación Santiago Centro (21.353,66 euros), Asociación de empresarios do barrio de San Pedro (2.296,06 euros), e asociación Em-Rede (2.246,34 euros).

Compartir: