URBANISMO

A urbanización do SUNP-25 de Roxos reservará amplas superficies para zonas verdes e dotacións deportivas

08/06/2007 A Xunta de Goberno do luns 11 aprobará o proxecto de urbanización do Sunp-25 de Roxos. Esta actuación afectará a un ámbito de 18,07 hectáreas e incluirá unha ampla dotación de zonas verdes, deportivas e de lecer. Neste solo construiranse 262 vivendas, maioritariamente pareadas, das que un 20% serán protexidas.

O proxecto, obra do arquitecto Jesús Conde García, contempla unha reserva de 24.044 metros cadrados para zonas verdes e espazos libres. Así, resérvase solo para a ampliación do colexio de Roxos, co que se podería dotar de máis instalacións deportivas. Neste capítulo, segundo indicou o alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, actuarase no contorno do campo de fútbol do Villestro. Nesta zona prevese a construción dun campo de herba artificial e de pistas deportivas, que outorgarían "unha dotación excelente para zona Sur e Villestro en particular".

A urbanización deste solo tamén deixará unha reserva de terreo para a posible ubicación futura da ampliación do periférico, que atravesaría este complexo de vivendas. Mentres, este espazo destínase a zonas verdes. Tamén está prevista a construción de varias áreas de lecer.

Compartir: